ADN polimerase II | |
---|---|
Identificadores | |
Organismo | |
Símbolo | polB |
Entrez | 944779 |
PDB | 3K5M |
RefSeq (Prot) | NP_414602.1 |
UniProt | P21189 |
Outros datos | |
Número EC | 2.7.7.7 |
Cromosoma | xenoma: 0.06 - 0.07 Mb |
A ADN polimerase II ou DNA polimerase II (abreviada como ADN pol II ou Pol II) é un encima procariótico que polimeriza o ADN e está implicado na reparación do ADN.[1] A ADN polimerase II non é esencial para a replicación do ADN. A súa acción está inducida por danos no ADN. Ten actividade de polimerase 5'→3' e pode facer unha corrección de probas das bases mal apareadas na replicación do ADN[1][2], e non precisa un cebador ou primer de ARN.
O encima ten 90 kDa e está codificado no xene polB. A ADN pol II pode sintetizar novos pares de bases de ADN a unha velocidade media entre 40 e 50 nucleótidos/segundo. As cepas que carecen do xene polB non mostran defectos significativos na replicación do ADN. A síntese de ADN pol II é inducida durante a fase estacionaria do crecemento celular. Nesta fase ten lugar moi pouco crecemento e pouca síntese de ADN. Tamén é a fase na que se poden acumular mutacións por danos no ADN, como curtas lagoas (gaps) que actúan como como puntos de bloqueo para a ADN pol III. Nesas circunstancias, a ADN pol II axuda a superar ese problema porque pode reiniciar a síntese de ADN augas abaixo despois deses puntos. A ADN pol II ten unha baixa taxa de erros, pero é demasiado lenta como para ser útil na síntese normal do ADN.
Ademais de na corrección de erros introducidos pola ADN pol III, a ADN pol II pode estar implicada en diversos procesos celulares relacionados coa reparación de alteracións no ADN causadas por mutáxenos como a radiación UV[3], oxidación etc., bypass de lesións[4], ou mutaxénese adaptativa. In vitro demostrouse que interacciona con proteínas accesorias da ADN pol III, e protexe os extremos 3' mal apareados da acción da ADN pol IV.[5]