ADP-ribosa cíclico | |
---|---|
Identificadores | |
Número CAS | 119340-53-3 |
PubChem | 123847 |
MeSH | Cyclic+ADP-Ribose |
ChEBI | CHEBI:31445 |
Ligando IUPHAR | 2445 |
Propiedades | |
Fórmula molecular | C15H21N5O13P2 |
Masa molecular | 541,301 |
Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa. |
O ADP-ribosa cíclico, frecuentemente abreviado como ADPRc (en inglés cADPR), é un nucleótido de adenina cíclico (parecido ao AMP cíclico) que se pode describir como un ADP que está unido a unha ribosa adicional que se enlaza formando un ciclo coa adenina e co último fosfato do ADP. Por tanto, molécula ten dúas ribosas.
A ribosa adicional únese por enlace N-glicosídico establecido entre o carbono 5' de dita ribosa e o nitróxeno en posición 1 da adenina (que xa estaba enlazada polo nitróxeno en posición 9 á outra ribosa)[1][2]. O enlace glicosídico N1 é o que distingue a ADPRc da ADP-ribosa (ADPR), o seu análogo non cíclico, que leva a ribosa adicional só unida ao fosfato.
O ADPRc prodúcese a partir do NAD+ polo encima ADP-ribosil ciclase (co número EC 3.2.2.5) como parte dun sistema de segundo mensaxeiro.
O ADPRc funciona como un mensaxeiro celular na sinalización celular por calcio.[3] É o modulador alostérico fisiolóxico do receptor de rianodina (RyR), que estimula a liberación de calcio inducida polo calcio a concentracións citosólicas baixas de Ca2+. A activación do RyR con altas concentracións de cafeína é debida en parte a que a cafeína parece que pode unirse tamén a dito receptor, mimetizando os efectos do ADPRc. Se a acción se realiza por unión directa do ADPRc ao RyR ou indirecta (por medio da unión con FKBP12.6) aínda se debate. Algúns informes suxiren que a unión do ADPRc produce FKBP12.6, o cal normalmente se une ao RyR2, facendo que se desactive o RYR2.
O ADPRc e o ADPR sintetízanse a partir do NAD+ polos encimas bifuncionais da familia proteica de CD38 (que tamén inclúe o CD157 ancorado a GPI e a ADP ribosil ciclase específica monofuncional do molusco Aplysia).[4][5][6] Os mesmos encimas poden tamén hidrolizar o ADPRc a ADPR. A catálise realízase por medio dun intermediato covalente. A reacción de hidrólise é inhibida polo ATP, o que fai que se acumule o ADPRc. A síntese e degradación do ADPRc polos encimas da familia de CD38 implica, respectivamente, a formación e a hidrólise dun enlace N1-glicosídico. En 2009, informouse do descubrimento do primeiro encima con capacidade de hidrolizar no ADPRc o enlace fosfoanhídrido, é dicir, o que se establece entre os dous grupos fosfato.[7]
The web page of Dr. Hon Cheung Lee, the discoverer of cyclic ADP-ribose.
Cyclic ADP-ribose and NAADP. The first book on these two second messengers.