A conxura dos necios | |
---|---|
Título orixinal | A Confederacy of Dunces |
Autor/a | John Kennedy Toole |
Orixe | Estados Unidos |
Lingua | Inglés |
Xénero(s) | Novela |
Editorial | Luisiana State University Press (en inglés) Factoría K de libros (en galego) |
Data de pub. | 1980 (en inglés) decembro de 2008 (en galego) |
Formato | Rústica con lapelas |
Páxinas | 465 páxinas |
ISBN | ISBN 0-8071-0657-7 (en inglés) ISBN 978-84-96957-50-3 (en galego) |
Premios |
|
Tradución | Eva Almazán |
[ editar datos en Wikidata ] |
A conxura dos necios é unha novela en lingua inglesa escrita por John Kennedy Toole co título de A Confederacy of Dunces. Escrita cara a 1962, foi publicada postumamente en 1980 e galardoada co premio Pulitzer en 1981. O título fai referencia a unha cita de Jonathan Swift. Foi traducida ao galego por Eva Almazán, e publicada por Factoría K en 2008.
Ignatius J. Reilly é o personaxe central, un home hipocondríaco de 30 anos que vive coa súa nai viúva en Nova Orleáns. É un ser inadaptado e anacrónico que soña co regreso da moral e a forma de vida medieval. Titulado universitario, só se relaciona coa nai e con Myrna, unha antiga compañeira de estudos que vive en Nova York coa que intercambia cartas.
Para ser escoitado nun mundo no que é incomprendido, vai escribindo a súa cosmovisión en cadernos que ten ciscados polo seu cuarto, coa esperanza de ordenalos algún día para crear a súa obra mestra. Vese levado pola deusa Fortuna a formar parte do mundo capitalista, obrigado a someterse á nova forma de escravitude que para el é o traballo. Resígnase, comparándose a Boecio, e comeza a traballar para un xudeu nunha fábrica de pantalóns e despois como vendedor ambulante de salchichas.
Logo de ser acusado de escribir unha carta vexatoria a un empresario en nome do seu xefe, a nai quere ingresalo nun sanatorio psiquiátrico, e el decide marchar a Nova York con Myrna, rematando cun final aberto.
A novela ten unha estrutura lineal, dividida en catorce capítulos. Está narrada en terceira persoa cun narrador omnisciente, pero inclúe cartas e escritos do propio personaxe escritos en primeira persoa, cun léxico moito máis complexo e culto.
É unha obra urbana, ambientada na cidade de Nova Orleáns na década de 1960, e reflicte os diferentes barrios e as diferenzas sociais existentes. Amósase a tensión e o conflito racial entre brancos e negros, así como as diversas correntes musicais do momento e o desexo da clase media de levar a cabo o soño americano.
A novela foi escrita cando Toole facía o servizo militar en Porto Rico. A obra ten trazos autobiográficos, pois o propio autor traballou nunha factoría téxtil mentres estudaba, coñeceu ben o barrio francés da súa cidade, no que axudou a vender comida de forma ambulante, e viviu coa súa madre bastante tempo, mesmo despois de rematar a carreira universitaria.
Logo de enviar infrutuosamente o orixinal a varias editoriais, suicidouse en 1969. A súa nai, logo de atopar o manuscrito, levouno de novo a distintas editoriais, que tamén o rexeitaron. Empeñada na publicación, contactou co escritor Walker Percy, que axudou na súa edición e escribiu un prólogo.
Leváronse a cabo varios intentos de levar a novela ao cinema, pero ningún saíu adiante. Para o papel de Ignatius pensouse en John Goodman.
Foi levada ao teatro en 2002 por Sarabela Teatro, con Fernando Dacosta como Ignatius. A adaptación gañou dous Premios María Casares.