A escuma dos días | |
---|---|
Título orixinal | L'Écume des jours |
Autor/a | Boris Vian |
Orixe | Francia |
Lingua | francés |
Xénero(s) | novela |
Editorial | Éditions Gallimard |
Data de pub. | 1947 2007 |
Premios | |
Tradución | Henrique Harguindey |
[ editar datos en Wikidata ] |
A escuma dos días é unha novela en francés de Boris Vian, escrita en 1946 e publicada en 1947 por Éditions Gallimard co título orixinal de L'Écume des jours. Foi traducida ao galego por Henrique Harguindey e publicada en 2007 por Edicións Laiovento[1].
Malia que foi promovida por Raymond Queneau e Jean-Paul Sartre (que publicou extractos en Temps Modernes), non tivo éxito en vida de Vian. Trata un universo poético e confuso, sendo os seus temas principais o amor, a enfermidade e a morte, cunha atmosfera de música jazz e boa gastronomía.
A novela céntrase no personaxe de Colin, un rapaz con cartos abondo para non traballar. Chick é un amigo seu, que traballa de enxeñeiro pero é pobre. Nicolás é o cociñeiro de Colin. Chick comeza a saír con Alise, unha sobriña de Nicolás. Este, á súa vez, xúntase con Isis, unha amiga de Colin. Colin, celoso, tamén quere coñecer o amor, e lógrao tras coñecer a Chloé nunha festa. Colin e Chloé casan, e Colin regala parte dos seus cartos a Chick para que case con Alise.
Na lúa de mel Chloé enferma: crécelle un nenúfar nun pulmón. Para curar, Colin mércalle flores e envíaa á montaña. Ao regresar xa non está o nenúfar, pero só pode utilizar un dos pulmóns. Colin busca un traballo para poder seguir mercando flores, pero Chloé volve enfermar. O seu piso vai empequenecendo e é cada vez máis triste e escuro, a pesar dos desvelos dun pequeno rato gris con bigote negro para que todo quede como estaba.
Pola súa parte, a relación entre Chick e Alise non vai ben, porque a única preocupación de Chick é Jean-Sol Partre (heterónimo de Jean-Paul Sartre), ao que ten mitificado. Alise mata ao filósofo cun "arrancacorazóns" (nome da seguinte novela de Vian) e queima as librerías próximas, pero morre nun deses incendios. Mentres tanto, a policía mata a Chick por non pagar os impostos.
Finalmente Chloé morre, pero Colin só pode pagar un funeral e enterro pobre.. Decepcionado e triste, pensa no suicidio.
Esta novela está baseada na trama de Trois Camarades de Erich Maria Remarque, que conta unha historia de amor na que hai unha rapaza tuberculosa pola que o heroe namorado sacrifica o seu patrimonio.
A novela foi adaptada ao cinema en 1968 por Charles Belmont, con Jacques Perrin, Marie-France Pisier, Sami Frey, Alexandra Stewart, Annie Buron e Bernard Fresson.