O aborto inducido ou interrupción voluntaria do embarazo en Colombia é libre e legal a petición da muller até as 24 semanas de xestación, por sentenza C-055-22 da Corte Constitucional do 21 de febreiro de 2022,[1][2][3] e dese prazo en diante só se permite no tres casos que foron legalizadas dende a sentenza C-355 de 2006 ditada pola Corte Constitucional de Colombia.[4][5][6][7][8]
O aborto inducido ou interrupción voluntaria do embarazo está legalizado en numerosos países do mundo e pode practicarse durante un tempo determinado da xestación, mentres que noutros ten unhas causas limitadas e noutros países a interrupción voluntaria do embarazo por decisión da muller é ilegal e está penado.
Por sentenza da Corte Constitucional C-055 do 21 de febreiro de 2022 deuse en Colombia un cambio, o cal permite que se poida abortar libre e legalmente até a semana 24 de xestación (cinco meses e medio de embarazo), e seguindo cos 3 casos actuais durante o tempo que reste até o termo do embarazo poderase acceder á Interrupción Voluntaria do Embarazo (IVE).[1][9][3][2][10]
O aborto en Colombia foi despenalizado en 2006, en só tres causas ou supostos, mediante unha demanda de inconstitucionalidade interposta pola doutora e avogada Mónica Roa ante a Corte Constitucional. Varios grupos feministas e mulleres activistas por dereitos sexuais e reprodutivos como María Ladi Londoño e a francesa Florence Thomas, entre outras, loitaron para poder despenalizar o aborto en Colombia como un caso de xustiza social. Estas loitas déronse perante o Congreso da República co obxecto de promover leis favorables á liberdade de elección das mulleres ante un embarazo non desexado ou un embarazo adolescente. Foi decisiva a chegada da avogada Mónica Roa cun proxecto de alto litixio para a despenalización do aborto en Colombia apoiado pola organización internacional Women's Link Worldwide. Finalmente por medio da Corte Constitucional de Colombia e con grande apoio de varios grupos de mulleres e organizacións non gobernamentais fíxose publica a carta de inconstitucionalidade na que se mencionaba que a penalización total do aborto en Colombia é inxusto e polo tanto as taxas de abortos inseguros e abortos clandestinos eran moi altos e ocasionaban a morte a moitas mulleres ou quedaban con importantes secuelas para toda a vida por procedementos inseguros ao abortar, causando así unha crise de saúde pública nacional. Finalmente, en 2006, a corte promulgou a Sentenza da Corte Constitucional Colombiana C-355 de 10 de maio de 2006, a raíz do caso de Martha Sulay González,[11][12][13] permítese abortar legalmente en tres situacións específicas:[4][14][15][16]
Cando a continuación do embarazo constitúa perigo para a vida da muller, ou afecte a súa saúde física ou mental, o único requisito legal que se lle pode pedir a esta muller é o certificado dun médico ou psicólogo, outro requisito extra que algunha entidade prestadora de saúde solicite é ilegal. A Corte Constitucional Colombiana utiliza o referente de saúde da Organización Mundial da Saúde, que menciona que a saúde é un estado de completo benestar entre o físico, o mental, o psicolóxico e o social.[17]
As enfermidades ou malformacións do feto que fagan inviable a súa vida fóra do útero é outra causa para acceder ao aborto legal en Colombia. É importante aclarar que non calquera malformación no feto é unha causal legal de aborto senón soamente aquelas que impidan a vida fóra do útero.[17]
Considerouse que a concepción como causa da violación é susceptible de provocar graves prexuízos psicolóxicos para a muller, polo que o ordenamento xurídico colombiano contempla este caso como un dos supostos casos nos que se lexitima á embarazada para interromper a xestación. A sentenza C355/06 da corte constitucional colombiana despenalizou o aborto cando o embarazo é resultado dunha conduta constitutiva de acceso carnal violento, abusivo, debidamente denunciado, ou de inseminación artificial ou transferencia de óvulo fecundado non consentidas, ou de incesto.[17]
As penas en Colombia pola práctica do aborto, nos casos non despenalizados pola Corte Constitucional (até a 24 semana e nos tres casos) e segundo o artigo 122 do Código Penal colombiano é: "A muller que causar o seu aborto ou permitir que outro llo cause, incorrerá en prisión de dezaseis (16) a cincuenta e catro (54) meses. Á mesma sanción estará suxeito quen, co consentimento da muller, realice a conduta prevista no inciso anterior."[18]
O aborto clandestino é a cuarta causa de mortalidade materna o Colombia e considérase unha das prioridades para a mellora da saúde reprodutiva.[2]
En mulleres adolescentes entre 15 e 19 anos en 2019 houbo 115.176 nacementos fronte aos 106.957 de 2020, é dicir, unha redución de 8.219 partos.[19] No ano 2020, segundo AI, unhas 4.268 nenas -entre 10 e 14 anos- quedaron embarazadas e foron nais en Colombia, aínda que as relacións sexuais con nenas desa idade son consideradas violacións.[20]
En 2022, e segundo estimacións de Amnistía internacional (AI) en Colombia calcúlase que se realizan 400.000 abortos, dos cales o 90% -uns 360.000 son abortos clandestinos ou abortos inseguros e realízanse sen medidas sanitarias suficientes- e soamente o 10% son levados a cabo en institucións sanitarias.[2]
Os movementos contrarios á interrupción voluntaria do embarazo, consideran, por motivos relixiosos, éticos e morais, que non debe realizarse e defenden a vida do embrión, razón pola que son autodenominados grupos provida. Estes grupos promoven a prohibición total ou parcial do aborto e o seu castigo penal.[21][22]
Os movementos polo dereito ao aborto libre están a prol da 'liberdade de elección' ante un embarazo non desexado polo que son coñecidos como proelección. Estes grupos, de ideoloxía liberal,[23][24] feministas[25] e da esquerda política, reivindican a interrupción voluntaria do embarazo en condicións de liberdade, legalidade e seguridade sanitaria para a muller embarazada e argumentan que é un dereito da muller recollido nos dereitos reprodutivos, a autonomía reprodutiva e a liberdade individual.[26][27][28][29]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Aborto en Colombia |