As acetobacteráceas (Acetobacteraceae), tamén chamadas bacterias do ácido acético, son unha familia de bacterias que realizan unha oxidación incompleta de alcohois a ácidos orgánicos; o máis característico é que obteñan a súa enerxía da oxidación do etanol a ácido acético durante as fermentacións. Son bacterias con forma de bacilo gramnegativas aeróbicas. Non se deben confundir co xénero Acetobacterium da familia Eubacteriaceae, o cal está formado por especies anaerobias que poden reducir o dióxido de carbono para producir ácido acético.[1]
As Acetobacteraceae son bacterias ubicuas. Están presentes nos ambientes nos que se forma etanol como resultado da fermentación dos azucres. Poden illarse do néctar das plantas e das froitas estragadas, e tamén da sidra fresca e da cervexa sen pasteurizar nin filtrar. As moscas da froita ou do vinagre Drosophilidae ou as Turbatrix aceti considéranse os vectores comúns para propagar as Acetobacteraceae[2] na natureza.
Algúns xéneros como Acetobacter, poden finalmente oxidar o ácido acético que producen a dióxido de carbono e auga usando encimas do ciclo de Krebs. Outros xéneros como Gluconobacter, non oxidan o ácido acético.
Algunhas bacterias do ácido acético como Acetobacter xylinum poden sintetizar celulosa,[3] o cal normalmente é característico dos vexetais.
Dado que estas bacterias producen ácidos, normalmente son tolerantes á acidez, e crecen mellor por debaixo do pH 5,0, aínda que o seuu pH óptimo para o crecemento é de entre 5,4 e 6,3.
As bacterias do ácido acético son móbiles con flaxelación peritrica ou polar. Os organismos con flaxelación polar están relacionados coas Pseudomonas, das que difiren principalmente pola súa tolerancia ao ácido e pola súa incapacidade de oxidar completamente os alcohois. Estes organismos son os que actualmente foron incluídos no xéneo Gluconobacter. O xénero Acetobacter comprende os organismos con flaxelación peritrica.[4]
Na produción industrial de vinagre empréganse cultivos de bacterias do ácido acético. O acetato producido por estas e polos homoacetóxenos tamén se usa (en forma de sal de calcio) para fundir o xeo das estradas en inverno.
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Acetobacteráceas |