Actinomyces | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Imaxe de microscopio electrónico de varrido de Actinomyces israelii. | |||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
Especies | |||||||||||||
A. bovis |
Actinomyces é un xénero de bacterias grampositivas da clase das actinobacterias. As Actinomyces son anaeróbicas facultativas (coa excepción de A. meyeri, que é anaeróbica estrita). Todas as especies crecen mellor en condicións anaeróbicas. As especies deste xénero non forman endósporas, e son de forma bacilar, pero as súas colonias forman redes ramificadas parecidas ás hifas de fungos (antes recibían o nome de actinomicetos).[1] O aspecto desta colonias fixo que inicialmente se pensase erradamente que eran fungos, e explica que o seu nome "Actinomyces" en grego signifique "fungo de raios".
Os Actinomyces son coñecidos por causaren doenzas nos humanos, e polo importante papel que desempeñan na ecoloxía do solo. Producen varios encimas que axudan a degradar material orgánico vexetal, lignina, e quitina. A súa presenza é importante para a formación de compost.
As árbores filoxenéticas baseadas nas secuencias dos ARNr 16S indican que o xénero Actinomyces é bastante diverso, e mostra unha ramificación polifilética en varios grupos distintos. O xénero Actinomyces e Mobiluncus forman un clado monofilético na árbore filoxenética construída usando as secuencias das proteínas RpoB, RpoC e ADN xirase B. Este clado está tamén moi apoiado pola presenza nel dun indel sinatura conservado formado por unha inserción de 3 aminoácidos na isoleucina-ARNt sintetase, xa que se encontra só nas especies dos xéneros Actinomyces e Mobiluncus.[2]
As especies de Actinomyces están normalmente presentes nas enxivas e son a causa máis común de infección en intervencións odontolóxicas e abscesos orais. Moitas especies de Actinomyces son patóxenos oportunistas de humanos e outros mamíferos, especialmente na cavidade oral.[3] En raros casos, estas bacterias poden causar actinomicose, que é unha doenza caracterizada pola formación de abscesos na boca, pulmóns, ou tracto gastrointestinal.[4] A actinomicose é causada con maior frecuencia pola especie Actinomyces israelii, a cal pode tamén causar endocardite, aínda que os síntomas resultantes poden ser similares aos producidos por infeccións por outras bacterias.[5][6] Aggregatibacter actinomycetemcomitans foi identificada na enfermidade periodontal.