Aero L-159 Alca | |
---|---|
Tipo | combate lixeiro/adestrador avanzado |
Fabricante | Aero Vodochody |
Primeiro voo | 4 de agosto de 1997 |
Introducido | abril de 2000 |
Principais usuarios | Forza Aérea da República Checa Forza Aérea de Iraq |
Unidades construídas | 72 |
O Aero L-159 Alca é un avión de combate lixeiro e adestrador avanzado subsónico desenvolvido nas versións monopraza L-159A e bipraza L-159B. O L-159 é fabricado na República Checa por Aero Vodochody. Deriva do adestrador Aero L-59 Super Albatros, que á súa vez é un desenvolvemento da serie Aero L-39 Albatros.
O desenvolvemento do L-159 comezou en 1993 como unha iniciativa para substituír varios cazas da época soviética por un equivalente moderno de fabricación checa; decidiuse non seguir un deseño de folla limpa para evitar custos excesivos. O desenvolvemento foi apoiado polo goberno checo, que pediu 72 L-159A monoprazas por uns 50 000 millóns de coroas checas para equipar á Forza Aérea da República Checa. En 1998 Boeing Company converteuse nun socio estratéxico tanto do proxecto como de Aero Vodochody. O 4 de agosto de 1997 o L-159 realizou o seu voo de estrea e o 10 de abril de 2000 o frimeiro avión de produción foi entregado á Forza Aérea checa. Continuouse o desenvolvemento do tipo, en particular do modelo L-159B de dous asentos.
No ano 2003 a frota de 72 L-159A da Forza Aérea da República Checa reducíuse a 24 debido a retricións orzamentarias. Tras varios anos de almacenamento o goberno revendeu a meirande parte dos avións tanto a operadores militares como civís, principalmente á Forza Aérea de Iraq e a Draken International.
O L-159 combateu coa Forza Aérea de Iraq contra o ISIS. Con Draken o L-159 (coñecido coloquialmente como "Honey Badger") foi empregado como avión agresor.[1] Dende 2007, seis L-159A reconstruídos como derivados de adestramento T1. En 2017 Aero Vodochody deu a coñecer un L-159T1 de nova construción para a Forza Aérea de Iraq mentres que a Forza Aérea checa vai mercar L-159T2 biprazas.[2][3]