Un aerobio obrigado é un organismo que necesita oxíxeno para crecer e sen el morrería.[1] Por medio da respiración celular estes organismos utilizan o oxíxeno para metabolizar substancias, xeralmente azucres e graxas, para obter enerxía.[1][2] Neste tipo de respiración o oxíxeno funciona como aceptor final de electróns da cadea de transporte de electróns respiratoria.[1] Na respiración aerobia o rendemento enerxético (produción de ATP) é maior que na fermentación ou na respiración anaerobia, que son ambos procesos anaerobios,[3] Os aerobios obrigados están sometidos a altos niveis de estrés oxidativo, pero teñen mecanismos metabólicos para evitar os danos que este produce.[2]
Os organismos anaerobios facultativos poden tamén vivir en ambientes con oxíxeno e utilizalo, pero, a diferenza dos aerobios obrigados, poden vivir tamén en anaerobiose.
Grupo | Ambiente | Efecto do O2 | |
---|---|---|---|
Aerobio | Anaerobio | ||
Aerobio obrigado | Crecemento | Non hai crecemento | Necesario (usado para a respiración aerobia) |
Anaerobio obrigado | Non hai crecemento | Crecemento | Tóxico |
Anaerobio facultativo (tamén se lle podería chamar aerobio facultativo) | Crecemento | Crecemento | Non necesario para o crecemento pero utilizado cando está dispoñible |
Microaerófilo | Crecemento se o nivel non é demasiado alto | Non hai crecemento | Necesario pero só a niveis por debaixo de 0,2 atm |
Anaerobio aerotolerante | Crecemento | Crecemento | Non necesario e non utilizado |
Entre os organismos, case todos os animais, as plantas e a maioría dos fungos e protistas, así como moitas bacterias son aerobios obrigados.[2] Exemplos de bacterias aerobias obrigadas son Mycobacterium tuberculosis (ácidorresistente),[2][5] Pseudomonas aeruginosa (gramnegativa),[2] Bacillus (grampositiva),[2] e Nocardia asteroides (grampositiva).[2][6] Coa excepción dos lévedos, a maioría dos fungos son aerobios obrigdos.[1] Ademais, case todas as algas son aerobios obrigados.[1]
Un aerobio obrigado moi particular é Streptomyces coelicolor, que é unha bacteria grampositiva que vive no solo e pertence ao filo Actinobacteria.[7] É peculiar porque o xenoma deste aerobio obrigado codifica numerosos encimas con funcións que se adoitan atribuír ao metabolismo anaerobio de bacterias anaerobias facultativas e estritas.[7]
Cando os aerobios obrigados son privados temporalmente de oxíxeno no seu ambiente, necesitan estratexias para sobrevivir para evitar a morte.[8] Nesas condicións, por exemplo, Mycobacterium smegmatis pode cambiar rapidamente entre a produción de hidróxeno fermentativa e a oxidación do hidróxeno usando oxíxeno ou a redución do fumarato dependendo da dispoñibilidade de aceptor de electróns.[8] Este exemplo é a primeira vez na que se observou produción de hidróxeno nun aerobio obrigado.[8] Isto tamén confirma a fermentación nunha micobacteria e é unha proba de que o hidróxeno xoga un papel na supervivencia e crecemento dalgunhas bacterias.[8]
Os ambientes ricos en oxíxeno poden orixinar tamén poblemas para os organismos, normalmente atribuídos ao estrés oxidativo. Isto ocorre cando hai un desequilibrio de radicais libres e antioxidantes nas células do organismo, principalmente debido á contaminación e radiación no medio ambiente. A estratexia que utilizan os aerobios obrigados para sobrevivir a este fenómeno é utilizar certos encimas e (en vertebrados) o sistema inmunitario do organismo para corrixir este desequilibrio.[9]
![]() |
Este artigo sobre bioloxía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |