Akera bullata | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Debuxo de Akera bullata | |||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||
Akera bullata O. F. Müller, 1776 | |||||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||||
|
Akera bullata é unha especie de molusco gasterópodo da subclase dos heterobranquios, infraclase dos eutineuros, orde dos aplisíidos, superfamilia dos akeroideos e familia dos akéridos, integrada no seu único xénero, Akera.[1][2]
Esta especie é o único representante europeo do xénero Akera.
A especie foi descrita en 1776 polo naturalista danés Otto Friedrich Müller,[1][2] no seu traballo Zoologiae Danicae Prodromus, seu Animalium Daniae et Norvegiae Indigenarum characteres, nomina, et synonyma imprimis popularium.... Copenhagen. Ver en PDF
Ademais de polo nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[1][2][3]
É un representante primitivo das lesmas de mar. É unha lesma grande, con cuncha. O seu corpo é alongado e está provisto de grandes lóbulos parapodiais (parápodos) que lle permiten nadar. Non ten tentáculos na cabeza. A cuncha, visíbel na parte traseira do animal, é ovalada, duns 40 mm de lonxitude, pero demasiado pequena para conter todo o seu corpo. Ten un característico devanado de 6 xiros. O manto remata na parte traseira, cun apéndice fino e longo que sobresae da cuncha. A parte dianteira do corpo do animal está destinada a escavar, e esta lesma pasa gran parte da súa vida enterrada na area ou na lama. De feito, só sae á superficie durante a época de cría.[4]
O corpo ten unha cor que varía do gris ao alaranxado, con manchas brancas ou escuras. A súa cuncha, de cor branca ou marrón, é fráxil e lisa, de forma ovoide, co vértice truncado e o ápice apenas saínte, e con liñas de crecemento abundantes, a abertura é alongada, moi ancha xunto á base. Non é un nadador áxil. Usa os seus amplos parápodos, mantidos xuntos por un funil sobre a cabeza, para remar cando se perturba.[5][6]
Akera bullata encóntrase no Atlántico, desde Noruega até as illas Canarias, e no Mediterráneo.[2][7][4]
Na ría de Vigo encontráronse espécimes vivos bastante abundantes no lagoon (lagoa costeira) das illas Cíes, na súa zona sur. Tamén en varios puntos do interior da ría. Aparece especialmente nas depuradoras de mexillóns en gran cantidade, e nas bateas.[5]
Vive sobre fondos de area ou lamacentos, principalmente nas praderías de zosteras, encontándose nos niveis infralitoral e circalitoral.[4]
Na ría de Vigo vive sobre fondos de lama con algas, desde pouca profundidade e en augas tranquilas, até fondos de 8 a 10 m.[5]
É un animal herbívoro, equipado cunha rádula (cinta membranosa cuberta de dentículos quitinosos transversais), coa que raspa as plantas, alimentándose de fanerógamas mariñas dos xéneros Zostera e Posidonia.[4]
Durante o período de apareamento estas lesmas forman longas cadeas de individuos, o un tras do outro, que se arrastran polo fondo. No Mediterráneo o período de posta é de marzo a abril. Os ovos son como filamentos amarelos claros enredados coma os espaguetes. Aseméllanse aos ovos das borrachas pero son máis finos, menos voluminosos e de cor máis clara.[4]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Akera bullata |