Biografía | |
---|---|
Nacemento | século IV (<376) valor descoñecido |
Morte | 387 (Gregoriano) Río Danubio |
Actividade | |
Ocupación | monarca, soldado, señor da guerra, político |
Familia | |
Fillos | Ataúlfo |
Descrito pola fonte | Paulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft |
Alateo (ou Odoteo, denominado así por Claudiano; en latín: Alatheus/Odathaeus),[1] morto no 387, foi un xefe e caudillo godo. As súas orixes son incertas. Mentres García Moreno afirma que, probabelmente, era un membro da dinastía dos Amalos e que fora pai do rei Ataulfo (r. 410–415),[2] outros historiadores discrepan desta idea.
Alateo aparece citado por vez primeira no 376 na obra de Amiano Marcelino. Nese momento, trala morte de Vitimiro, o caudillo dos grutungos, loitando contra os hunos, quedou encargado como rexente xunto con Sáfrax, de protexer a Viderico, o fillo de Vitimiro.[3] Nesa época, segundo o relato, posuía un estatuto equivalente ao do dux romano. Despois de seren derrotados polos hunos, xunto con Sáfrax, comandou ao grupo dos grutungos que se negaron a seren dominados polos hunos até as beiras dos Dniester.[4]
No 376, os dous caudillos xunto a outro oficial gótico chamado Famobio, marcharon cara ao Danubio,[5] cando os tervingos de Fritixerno acababan de cruza-lo río baixo o permiso imperial do emperador Valente (reinado 364-378),[6][7] pero a eles non se lles concedeu.
Dende ese momento, comandou varias incursións contra o Imperio Romano de Oriente entre 376 e 387. Así, no 377, aliados cos nobres tervingos Fritixerno e Alavivo, derrotaron un exército romano na batalla de Ad Salices (baixo Danubio). Pouco despois, participou xunto con Sáfrax, de novo aliados cos tervingos, na batalla de Adrianópole (378),[8] durante a cal comandou a maior parte da cabalaría grutunga. O seu papel foi decisivo na destrución do flanco esquerdo da cabalaría romana durante a batalla e o posterior cerco á infantaría pesada dos xenerais Traxano e Víctor, que deu a vitoria ao bando bárbaro.
Trala batalla de Adrianópole, separáronse dos tervingos e saquearon varias cidades de Tracia e o norte de Grecia e partiron cara a Pannonia, que tamén foi saqueada.[9][10]
Finalmente, conseguiron negociar a paz co emperador occidental Graciano (reinado 367–383),[9][10] quen firmou un tratado polo que os seus grutungos poderían asentarse en Pannonia.[2] Alateo e Sáfrax permaneceran tranquillos durante un tempo mais polo 386, cando intentaban atravesar o Danubio para se internar no Imperio romano, foron derrotados polo xeneral romano Prómoto, ás ordes de Teodosio I o Grande. Trala derrota, asentouse na desembocadura do Danubio cos seus homes, ata que decidiu enfrontarse de novo a Prómoto en 387, sendo esta a súa última batalla, xa que morreu durante o combate coas tropas romanas.[1]
Predecesor: Vitimiro |
Rei dos grutungos | Sucesor: |