Os albións[1] (en latín: Albioni) eran un pobo galaico da Gallaecia, comprendidos dentro do convento xurídico lucense, que se situarían no territorio costeiro comprendido das marxes do Navia, no que na actualidade é a Asturias occidental.[2]
É posible que o nome dos albións proveña da raíz celta *albiyo- “mundo (superior)” ou “país”.[3] Pode ter relación co antigo nome da Illa de Gran Bretaña, que era Albion.[1]
Os albións aparecen citados como gentes en Plinio o Vello, 4, 20,111 e indicando que vivían ao oeste do río Navia;[4] Claudio Tolomeo nomea o mesmo río como Navialbión, confirmando a situación deste grupo. Segundo J. L. Maya, os albións, os egobarros e os cibarcos estaban constituídos por diversos castros vinculados ou confederados entre eles.[5]
Ó seu territorio correspondería o castro de Coaña,[6] que probablemente foi a súa capital.
A estela de Nicer é unha estela funeraria en 1932 no concello asturiano da Veiga, na desembocadura do río Eo. A inscrición está dedicada a Nicer, un "príncipe" dos albións (principis Albionum), o que dá pé a pensar que podían estenderse até este último río, no que, en último extremo, se atoparían cos egobarros, outro pobo galaico. A estela está exposta no Museo Arqueolóxico de Asturias, en Oviedo.
Non existe acordo sobre a súa datación. O feito de que a persoa á que fai referencia fose dunha tribo prerromana podería datalo cara ao século I, mais a aparición do crismón cristián que coroa a epígrafe indica que podería ser posterior.
XP
NICER
CLUTOSI
Ɔ CARI
ACA
PRINCI
PIS AL
BIONU
M AN
LXXV
HIC S ESTXP
Nicer
(fillo) de Clutoso
(do castro) de Cariaca,
(da casa) do príncipe
dos Albións,
de 75 anos,
xace aquí[7]