Denomínase aleteo de tiburóns (do inglés shark finning) ou simplemente aleteo (finning) á práctica pesqueira que consiste en atrapar tiburóns, cortarlle as aletas e devolvelos mutilados e vivos ao mar, onde inevitabelmente morrerán por asfixia —ao non poderen nadar e conseguir a circulación de auga polas súas branquias—, desangrados ou devorados por outros peixes.[1]
Estudos da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) e de organizacións conservacionistas independentes, estiman que cada ano se capturan entre 100 e 150 millóns de tiburóns. Os tiburóns son presa dos barcos pesqueiros pola crecente demanda de subprodutos (en particular as súas aletas), para o mercado asiático e os restaurantes asiáticos de todo o mundo. A súa demanda para a sopa de aleta de tiburón, de cartilaxe para produtos farmacéuticos —non só da medicina tradicional chinesa—, están provocando unha verdadeira catástrofe ecolóxica para este grupo de peixes. Por iso, o prezo das aletas das especies máis solicitadas pode alcanzar os 600 euros/kg.
Nas últimas décadas moitas especies de tiburóns pasaron a estar ao bordo da extinción debido á sobreexplotación pesqueira non sustentábel e, en particular, pola práctica do finning, que é ilegal en case todo o mundo (a Unión Europea, que xa a prohibira de forma xeral en 2003, recentemente prohibiu tamén as excepcións permitidas ás frotas pesqueiras españolas e portuguesas)".[2][3]
As poboacións de tiburóns diminuíron nalgunhas especies nun 90 %.[1] Este declive é máis perigoso para a supervivencia destes peixes debido ás características ecolóxicas dos escualos que os fai moi vulnerábeis á súa captura en masa; trátase de animais que medran lentamente, a súa maduración sexual prodúcese ao cabo de bastantes anos e teñen pouca descendencia.[1]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Aleteo de tiburóns |