Alex von Falkenhausen Motorenbau

AFM
Nome completo Alex von Falkenhausen Motorenbau
Bandeira Alemaña Alemaña
Baseada en Múnic, Alemaña
Tempadas en activo 2 (1952-1953)
Número de pilotos Alemaña Hans Stuck
Debut Gran Premio de Suíza de 1952
Carreiras 4
Campionatos de Construtores 0
Campionatos de Pilotos 0
Vitorias 0
Pole positions 0
Voltas Rápidas 0
Puntos totais 0
Derradeiro GP Gran Premio de Italia de 1953

Alex von Falkenhausen Motorenbau (AFM) (aínda que algunhas fontes afirman que o M púxose por Múnic,[1]) foi un construtor de coches de carreiras alemán. O equipo foi fundado por Alexander von Falkenhausen, que era na década de 1930 un importante enxeñeiro no desenvolvemento do modelo 328 de BMW, xunto con Alfred Boning, Ernst Loof e Fritz Fiedler. O 328 era o coche deportivo dominante a finais da década de 1930 en Europa e gañador en 1940 da carreira da Mille Miglia en Brescia, Italia.

Logo da segunda guerra mundial, von Falkenhausen abriu un garaxe en Múnic onde tuneaba BMW 328 de antes da guerra, convertendo algúns deles en monoprazas, en 1948 pasou a construír a súa propia marca de coches co motor do 328. Como resultado en 1949, apareceu o Fórmula 2 AFM-1, pilotado por Hans Stuck, que logrou un terceiro lugar en Grenzlandring. AFM gañou no Autódromo de Monza con Stuck detrás do volante, superando aos Ferrari s de Alberto Ascari e Juan Manuel Fangio. Outros coches foron pilotados por Fritz Riess, Karl Gommann, Willi Heeks e Manfred von Brauchitsch. Para 1951 Stuck estaba desenvolvendo un motor V8 lixeiro deseñado por Richard Küchen e gañou a carreira de Grenzlandring F2 1951 co chamado AFM-4 "Küchen". Os campionatos mundiais de pilotos de 1952 e 1953 leváronse a cabo baixo as regulacións da Fórmula 2, permitindo aos coches AFM competir en varias roldas do Campionato Mundial. Na tempada de 1953, os coches eran cada vez menos competitivos e a marca e o equipo desvanecéronse, en 1954 Freiherr von Falkenhausen comezou a traballar para BMW outra vez, dirixindo a súa Rennsportabteilung (división de carreiras) nos seguintes 20 anos.

Participación no Campionato do Mundo: 1952-1953

[editar | editar a fonte]

A primeira participación de AFM nun Gran Premio do Campionato do Mundo foi cun coche de fábrica pilotado por Stuck no Gran Premio de Suíza de 1952. Stuck cualificou o coche na 14ª posición, superando a algúns nomes consagrados como Harry Schell, que pilotaba un Maserati do equipo Enrico Platé. Pero, estaba 14 segundos por detrás do tempo da pole do Ferrari oficial de Giuseppe Farina. Na carreira, Stuck caeu de xeito constante ata que o motor do Küchen falloulle na quinta volta.

A outra carreira da tempada de 1952 para os coches AFM foi o Gran Premio de Alemaña. Participaron varios coches de propiedade privada pilotados por Willi Heeks, Helmut Niedermayr, Ludwig Fischer e Willi Krakau, todos usando motores BMW en lugar do Küchen do equipo oficial. Nin Fischer nin Krakau empezaron a carreira, Niedermayr comezou no lugar 22, e Heeks cualificou o seu coche nun magnífico noveno posto. Clasificouse por diante de varios coches oficiais, incluíndo a Jean Behra no seu Gordini. Xa na carreira, Heeks aproveitouse dos problemas na primeira volta de Paul Pietsch no Veritas e de Ernst Klodwig no BMW, para subir ao 7 posto, onde permaneceu durante 5 voltas. Pero, na volta 6, comezou a sufrir co motor BMW do seu coche, e no final da oitava volta, estaba fóra. Mentres tanto, Niedermayr fixera unha progresión fantástica desde a súa posición inicial na grella. A retirada de Heeks deixou a seu compatriota en noveno lugar. Aproveitando os erros doutros, Niedermayr adiantara na pista, e cando o Gordini de Robert Manzon perdeu unha roda na novena volta, acadou o 8º lugar. Foi adiantado por Toni Ulmen, pilotando un Veritas ao final da carreira, pero aínda así levou o coche a meta en noveno lugar, a primeira vez que un AFM terminaba unha carreira do campionato.

AFM estaba de volta na pista en Alemaña ao ano seguinte 1953. Stuck participou unha vez máis, esta vez de forma privada. Usando outro motor diferente, un Bristol seis en liña. Estaba acompañado no seu equipo privado por Günther Bechem e Theo Fitzau, que pilotaba o coche feito para Niedermayr. Niedermayr retirouse da competición logo de matar polo menos a 13 espectadores durante un accidente en Grenzlandring en 1952. Tanto Bechem como Fitzau utilizaban motores de BMW. Fitzau foi o mellor clasificado, no posto 21, máis de 80 segundos por detrás da pole de Alberto Ascari no Ferrari. Stuck foi 23º, mentres que Bechem, foi 30º, a máis de 2 minutos do tempo de Ascari, posiblemente grazas á extrema lonxitude do circuíto de Nürburgring. Stuck estaba fora na volta 1, cando o seu novo motor fallou. No final da volta 4, Bechem e Fitzau tiñan tamén problemas de motor similares.

A última aparición de AFM no campionato de F1 produciuse no Gran Premio de Italia a finais de ano, cando Stuck participou co seu coche novo. Clasificouse penúltimo, superando só a Johnny Claes co Connaught. Terminou 14º na carreira, polo simple feito de non tropezar con dificultades. Quedou 13 voltas por detrás do vencedor Juan Manuel Fangio.

Cando as carreiras de Gran Premio abandonaron a normativa F2 a finais de 1953, AFM retirouse da escena. O seu mellor resultado foi o noveno lugar de Niedermayr no Gran Premio de Alemaña de 1952.

Resultados Completos na Fórmula Un

[editar | editar a fonte]

(Chave) As carreiras en letra grosa indican pole position; as carreiras en cursiva indican volta rápida.

Ano Chasis Motor Pneu. Pilotos 1 2 3 4 5 6 7 8 9
1952 AFM SUI 500 BEL FRA GBR ALE NED ITA
Küchen V8 E Hans Stuck Ret
BMW L6 ? Willi Heeks Ret
BMW L6 ? Helmut Niedermayr 9
BMW L6 ? Ludwig Fischer NTS
BMW L6 ? Willi Krakau NTS
1953 AFM ARX 500 NED BEL FRA GBR ALE SUI ITA
Bristol L6 D Hans Stuck Ret 14
BMW L6 D Theo Fitzau Ret
BMW L6 D Günther Bechem Ret

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Referencias

[editar | editar a fonte]
  1. For example, MotorKlassik Arquivado 25 de setembro de 2019 en Wayback Machine. and Forix motorsport history.