![]() ![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 8 de agosto de 1844 ![]() Eidsvoll, Noruega ![]() |
Morte | 12 de xuño de 1919 ![]() Oslo, Noruega ![]() |
Lugar de sepultura | Cemitério Vår Frelsers (pt) ![]() ![]() |
Educación | Oslo Cathedral School (en) ![]() ![]() |
Actividade | |
Ocupación | historiador, xenealoxista ![]() |
Familia | |
Pais | Peter Jonas Collett ![]() ![]() |
Irmáns | Robert Collett ![]() |
![]() |
Alf Collett, nado en Eidsvoll o 8 de agosto de 1844 e finado en Kristiania o 12 de xuño de 1919, foi un xenealoxista e historiador noruegués.
Collett era fillo do xurista Peter Jonas Collett e da escritora Camilla Collett (nacida Jacobine Camilla Wergeland) e veu ao mundo na casa reitorial de Eidsvoll mentres súa nai visitaba a seu pai, o teólogo Nicolai Wergeland[1]. Cando tiña sete anos morreu seu pai e súa nai marchou a vivir a Copenhaguen con Alf e o irmán máis novo Emil. En 1857 a familia voveu a Noruega e Alf entrou a estudar na escola da catedral de Kristiania, onde se graduou en 1865, e en 1867 superou o exame para entrar na administración pública e logrou destino como copista na sección de mariña do departamento de Mariña e Correos, máis tarde ascendeu a axudante (kongelig fullmektig) en 1877 e a xefe de oficina (byråsjef). En 1885 ao se formar o departamento de defensa, a sección de mariña pasou a depender deste, e Collett chegou en 1895 a secretario de oficina xeral (ekspedisjonssekretær) e en 1899 a xefe de oficina xeral (ekspedisjonssjef). Casou con Mathilde Sophie Kallevig de Arendal, neta de Morten Michael Kallevig. A parella non tivo fillos, e Alf deixou en testamento os seus bens a unha manda que xestiona a Selskapet for Oslo Byes Vel para decorar e axardinar espazos públicos.
En 1903 entrou na Videnskabsselskabet i Christiania. Entre outras institucións tamén foi membro do consello do Museo do Pobo Noruegués, do consello local de Oslo da Sociedade para a Preservación dos Monumentos Históricos de Noruega, do consello do Museo da Cidade de Kristiania e foi tamén membro do comité de nomes de rúas de Kristiania. Foi un dos fundadores da da Samfundet for dansk-norsk Genealogi og Personalhistorie en 1879 e o presidente da sección norueguesa dende 1905. Tiña o grao de cabaleiro de primeira clase da Orde de Santo Olav.
Interesado pola historia, e en especial pola xenealoxía publicou artigos e libros sobre o tema. En 1872 deu ao prelo un libro sobre a súa propia familia, Familien Collett, obra sobre a que seguiu a traballar e en 1883 publicou unha nova versión totalmente revisada e ampliada so o título de En gammel Christiania-Slægt. En 1881 publicou outros dous libros xenealóxicos, Familien Elieson e Raadmand Peder Pedersen Müllers Efterkommere. Tamén de 1881 é a obra Fladeby na que recolle os artigos que publicara en Ny illustreret Tidende sobre a vida nos primeiros anos do século XIX na casa señorial que a familia posuía en Fladeby para pasar o tempo de descanso e que ten un alto valor histórico-cultural[2]. En 1893 saíu Gamle Christiania-Billeder que recolle artigos, ricamente ilustrados, que escribira en 1889 e 1890 para a revista Skilling-Magazin con trazos sobre a historia e a cultura da capital norueguesa. En 1911 publicou unha biografía da súa nai, Camilla Colletts livs historie belyst ved hendes breve og dagbøker.