Ameixa fina | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Fósil do Plistoceno do Mar do Norte. | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Ruditapes decussatus' Linnaeus, 1758[1] | |||||||||||||||
Sinonimia[1] | |||||||||||||||
|
A ameixa fina (Ruditapes decussatus) é a variedade máis aprezada entre as distintas especies de ameixas e, con diferenza, a de maior valor comercial.
A denominación comercial en Galicia (común e científica) é ameixa fina (Ruditapes decussatus), segundo a Resolución de 27 de febreiro de 2006, da Secretaría General de Pesca Marítima, pola que se establece e se publica o listado de denominacións comerciais de especies pesqueiras e de acuicultura admitidas en España (BOE nº 69, de 22.03.2006).
Ruditapes decussatus (Linnaeus 1758).
Outras formas coas que pode aparecer nomeada son: Tapes decussatus, Venerupis decussatus, Ruditapes decussata, Venerupis decussata, Venus truncata ou Paphia decussata.
A cuncha, relativamente fina en comparación con outras especies, caracterízase por ter ben marcadas as estrías radiais e as lonxitudinais, que debuxan un cuadriculado patente, sobre todo na parte posterior, ó que lle debe o nome específico (decussatus = entrecruzado). Este debuxo axuda máis a identifica-la especie cá cor da cuncha.
A cor é moi variable, dependendo do tipo e composición do sustrato no que se cría, entre gris clara e castaño escura, con predominio dos tons pardos claro ou grises. Pode presentar manchas máis escuras, irregularmente repartidas. As dúas valvas presentan a mesma cor.
Presenta dous sifóns longos, grazas ós que pode sobrevivir enterrada a profundidades de ata 15–30 cm na area e soportar sen problemas as fases de baixamar. Os sifóns están separados un do outro en toda a súa lonxitude, feito que tamén permite recoñecela fronte a outras especies.
Ameixa fina | Ameixa xaponesa | Ameixa babosa |
Estrías finas e regulares, ben marcadas as radiais e as lonxitudinais. | Estrías radiais máis marcadas, e as lonxitudinais non son apreciables na rexión media. | Estrías lonxitudinais máis marcadas; pouco apreciables as radiais. |
Marca de inserción do ligamento só apreciable na valva dereita. | Marcas apreciables nas dúas valvas. | Pouco diferenciadas. |
Cara interna da cuncha branca ou cun lixeiro ton laranxa. | Marrón, violácea ou amarela. | Branca, rosada ou alaranxada. |
Sifóns separados en toda a súa lonxitude. | Soldados na maior parte. | Soldados en toda a súa lonxitude. |
Dobre fila de tentáculos no bordo do sifón inhalante. | Tres filas de tentáculos. | Dúas filas. |
Está presente en todo o litoral atlántico europeo e no canal da Mancha, e resulta escasa no Mediterráneo. Nas costas africanas chega a Senegal.
Medra normalmente en fondos de area limpa e firme ou cascallo, desde o espazo intermareal ata zonas de poucos metros de profundidade.
O desenvolvemento varía moito segundo as temperaturas da auga e a riqueza en plancto, alcanzando o tamaño comercial, de 3-5 centímetros de lonxitude, ó cabo de 3 ou 4 anos. Pode chegar a medir 6–8 cm.
O talle mínimo é de 40 mm no seu eixo maior.
O método de pesca adoita ser a pé, cun sacho, durante a seca, guiándose polos buratos que deixan os sifóns na area, pero tamén se utiliza o rastro desde as barcas.
Os perigos sanitarios derivados dunha posible contaminación bacteriana procedente de verteduras fecais son semellantes ós descritos para o resto dos moluscos bivalvos, artigo ó que remitimos ó lector.
Cómpre destacar que a ameixa fina resiste fóra da auga moito tempo, máis cás outras especies de ameixa.
O máis habitual é consumilas en cru, cunhas pingas de limón, pero poden utilizarse noutras preparacións culinarias (caldeiradas, á prancha, á mariñeira, en guisos de fabas, etc.).
Nalgúns textos ou páxinas web pode lerse que se pode saber se son de orixe galega ou non lendo a etiqueta de depuración, por ser obrigatorio indicar na etiquetaxe a orixe. A realidade é que ese dato non achega esa información, pois o establecemento depurador pode ser galego pero non selo o molusco. A indicación da zona de orixe, a non ser que a especifiquen con exactitude, adoita ser simplemente “Atlántico noreste- Zona FAO 27”, que pouco di da procedencia da ameixa.
Aínda así, cómpre recoñecer que a gran maioría da ameixa fina comercializada en Galicia é de orixe galega, pero tamén a hai importada de Tunisia.