Biografía | |
---|---|
Nacemento | (rap) María Angata Veri Tahi 'a Pengo Hare Koho c. 1853 Illa de Pascua, Chile |
Morte | decembro de 1914 (60/61 anos) Hanga Roa, Chile |
Outros nomes | Angata |
Relixión | Igrexa católica |
Actividade | |
Ocupación | misioneira |
Familia | |
Parentes | Riro Kāinga, curmán |
Angata, cuxo nome completo era María Angata Veri Tahi ʻa Pengo Hare Koho,[1] nada c. 1853 e finada en Hanga Roa en decembro de 1914, foi unha líder relixiosa católica rapanui da Illa de Pascua dende finais do século XIX até comezos do XX. Despois de experimentar unha visión profética na que Deus lle ordenou que recuperase as terras e o gando da illa, liderou unha rebelión infrutuousa contra a empresa Williamson-Balfour Company, no seu intento por crear unha teocracia baseada no catolicismo e nos valores espirituais rapanui.
Angata naceu contra o ano 1853 no seo do clan Miru.[2] Entre 1864 e 1866, os misioneiros franceses da Congregación dos Sagrados Corazóns de Xesús e María estabelecéronse na Illa de Pascua e converteron a moitos dos rapanui ao cristianismo durante un período de grave colapso da poboación indíxena, causado pola incursión de esclavistas peruanos e a introdución de doenzas europeas.[3]
En 1871 Angata e o seu primeiro marido, Daniel Manu Heu Roroa, viaxaron até Mangareva nas Illas Gambier (na Polinesia Francesa) xunto co misioneiro Hippolyte Roussel. O matrimonio tivo dous fillos. Segundo os informes, o seu esposo dáballe malleiras tan violentas que fixo que ela quedase permanentemente corcovada. Os curmáns dela asasinárono en represalia por estes abusos.[2][4] Aos poucos, o 13 de xuño de 1874 casou por segunda vez con Pakomīo Māʻori Ure Kino.[5]
En Mangareva comezou a aprender as escrituras cristiás de memoria. O misioneiro Roussel instruíuna para convertela en catequista ou mestra laica para a nova Congregación dos Sagrados Corazóns de Xesús e María.[2][4]
Cando Angata regresou á Illa de Pascua en outubro de 1879, traballou como co-catequista e asistente de Nicolás Pakarati e Pakomīo Māʻori Ure Kino (c. 1816/1836–1908/1909), con quen casara en Mangareva. Convertéronse nos principais líderes espirituais da illa ante a ausencia dun misioneiro residente.[6][7][8] Angata e o seu segundo esposo tiveron seis fillos xuntos. Supostamente, os nenos tiñan parte de herdanza vasca europea por parte do seu pai, aínda que Angata e Pakomīo afirmaban que eran descendentes de sangue puro rapanui.[9]
En 1892, Angata organizou a moitas das mulleres da illa para apoiar ao seu curmán Siméon Riro Kāinga (do clan Miru ao igual que Angata) para o posto de ‘Ariki ou Rei da Illa de Pascua contra o seu rival na reclamación Enrique Ika, tamén do clan Miru. O posto quedou vacante pola morte de Atamu Tekena, que cedeu a illa a Chile en 1888. Argumentouse que Riro Kāinga foi finalmente o elixido pola súa boa aparencia, mais unha gran parte do seu éxito debeuse tamén á forte influencia de Angata na xente.[10][11][12]
Riro tentou sen éxito reclamar a soberanía indíxena da illa en ausencia do control directo de Chile dende 1892 até 1896. Porén, Chile reafirmou a súa reclamación e a illa foi arrendada posteriormente a Enrique Merlet e a súa empresa de cría de gando. Restrinxiron o acceso dos insulares á maioría das terras agás un asentamento amurallado en Hanga Roa, do cal non podían saír sen permiso. O mozo rei Riro tentou protestar contra o abuso da compañía, mais morreu en circunstancias sospeitosas en Valparaíso.[10][13]
En 1895, Chile arrendou a illa á Compañía Merlet.[14]
O xerente de Merlet prohibiu a realeza nativa na illa, aínda que Enrique Ika e Moisés Tuʻu Hereveri foron elixidos reis brevemente.[15][16] En 1913, o novo rei, Simeón Riroroko, foi deportado a Valparaíso onde morreu asasinado.[17] Nesas circunstancias, Angata asumiu o liderado nominal do clan Miru e liderou a oposición ao control da compañía.[18][19] A Williamson-Balfour Company tomou máis tarde o control do rancho de Merlet e continuou maltratando o pobo rapanui.[20] En 1914, Angata tivo unha visión profética na que Merlet estaba morto. Isto inspirouna a liderar unha rebelión infrutuosa contra a compañía, afirmando que Deus quería que os insulares recuperasen a súa illa, matasen o gando do rancho e celebrasen un banquete.[21][22][23] O 30 de xuño de 1914, enviou ao seu xenro Daniera Maria Teave Haukena cabo do xerente da compañía Henry Percy Edmunds cunha declaración de que os nativos tiñan a intención de recuperar a terra e o gando da compañía.[24]
A rebelión foi esmagada o 5 de agosto cando o buque naval chileno Baquedano chegou e arrestou a catro dos seus líderes. O comandante Almanzor Hernández declarou que os rapanui estaban "totalmente xustificados en facer todo o que fixeran". Máis tarde, comentou que se alegraba que non houbesen asasinado a Edmunds. Ningún dos nativos foi castigado, e tres dos líderes encarcerados foron liberados. Porén, o xenro de Angata, Daniera, foi deportado ao continente[21] na Baquedano, pero non hai noticias do seu desembarco.[5]
A rebelión, que tiña a intención de estabelecer un reino de Deus baseado no catolicismo e nos entendementos dos rapanui, tivo o efecto negativo de provocar que o goberno chileno impuxese unha administración máis forte. Nomeouse un funcionario colonial separado (non afiliado á compañía). A illa foi aberta á inmigración dende o continente para diminuír a influencia e o peso demográfico dos insulares nativos.[25][26]
Malia os cambios, o movemento de independencia conseguiu manterse na illa até o presente.[27][28][29] Os muros que confinaban aos rapanui nun asentamento de Hanga Roa foi derrubado en 1966.[30]
Durante a Expedición Mana á Illa de Pascua en 1914, a antropóloga inglesa Katherine Routledge reuniuse e falou con Angata no punto álxido da súa rebelión. Routledge tentou disuadir a "profetisa", termo co que se refería a ela, e á súa xente de continuar as súas redadas e de que matasen o gando da illa.[22] Ela describiu a Angata durante a súa entrevista:
Ela era unha anciá fráxil, de cabelo agrisado e ollos expresivos, cunha personalidade claramente atractiva e magnética. Levaba pendurado do pescozo unha especie de medallón relixioso, unha cruz vermella, penso, sobre un fondo branco, e a súa filla, que a sostiña, levaba unha pequena foto do Salvador nun marco de Oxford. Colleume da man amablemente durante a entrevista, chamándome "Caterina". ... Mentres falaba das incursións, a súa faciana endureceuse e os seus ollos volvéronse fanáticos; dixo algo sobre "Deus" cun aceno cara a arriba, como era o seu costume cando pronunciaba o seu nome. Apresureime a aliviar a tensión dicindo que "Todos debemos adorar a Deus", e alegroume ver que se me permitía participar na Deidade. O seu comportamento suavizouse de novo, e ollando cara ao ceo declarou, cunha confianza segura que á súa maneira era sublime, "Deus nunca permitirá que os kanakas sexan asasinados ou feridos."[31]Routledge 1919, p. 145
Angata morreu en decembro de 1914, meses despois de terse reunido con Routledge.[2] Ao seu funeral, celebrado o 29 de xaneiro de 1915, asistiu a antropóloga inglesa.[32][33] Foi enterrada no cemiterio de Igrexa da Santa Cruz de Hanga Roa, a carón doutros dos primeiros misioneiros católicos: Eugène Eyraud, Nicolás Pakarati e Sebastian Englert.[34][35]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Angata |
A Galipedia ten un portal sobre: Muller |