Anticonsumismo

O consumo consómete, stencil anticonsumista.

Anticonsumismo é o rexeitamento do consumismo. É semellante ao activismo anticorporativo, pero non o mesmo. O "consumismo" é a tendencia a adquirir, gastar e consumir bens considerados non necesarios. Implica a compra desmesurada xunto coa posibilidade de acceder a calquera produto do mercado.

O activismo anticonsumista conserva moitas veces unha estreita relación co activismo ecolóxico e o altermundismo, ás veces mesmo co activismo en defensa dos dereitos dos animais debido á oposición ás prácticas dalgunhas empresas internacionais como poden ser McDonalds.

Nos últimos anos, houbo un certo incremento no número de obras que ofreceron unha visión ideolóxica anticorporativa ao mundo, como poden ser o libro No Logo de Naomi Klein, ou os filmes The Corporation e Surplus.

A oposición ao materialismo económico provén principalmente de dúas fontes: a relixión e o activismo social. A maioría das relixións opóñense ao materialismo, pois cren que interfire entre a conexión co diviño ou leva a un modo de vida inmoral. Grandes personalidades aseguraron que a súa inspiración espiritual levounas a un estilo de vida sinxela, como Francisco de Asís, Ammon Hennacy ou Mohandas Gandhi.

Os activistas sociais ligaron diversas formas de materialismo coas guerras, o crime, e o malestar social xeral. Fundamentalmente, a preocupación radica en que o materialismo non pode ofrecer unha verdadeira razón de ser para a existencia humana.

O anticonsumismo asóciase xeralmente coa crítica ao consumo a partir de Karl Marx e Thorstein Veblen, mais segundo o libro Theory of the Leisure Class de Veblen, as orixes do consumismo remóntanse ao mesmo principio das civilizacións. O consumismo pode referirse tamén a políticas económicas asociadas coa economía Keinesiá e, en sentido abstracto, referirse á crenza na que a libre elección dos consumidores debería rexer a estrutura económica da sociedade. O comediante Bill Hicks e mailo escritor Pier Paolo Pasolini presentaron unha forte oposición ao consumismo.

Política e sociedade

[editar | editar a fonte]

Os activistas anticorporativos cren que o aumento das grandes corporacións está a ameazar a autoridade lexítima do estado e dos estratos públicos. Crese que esas corporacións están a invadir a privacidade da xente, manipulando a política e o goberno, e creando falsas necesidades de consumo. O tipo de evidencia que dá pé a esta opinión inclúe a publicidade invasiva (adware, spam, telemarketing...), as xigantescas contribucións económicas a candidatos en eleccións democráticas por parte das corporacións en lugares coma os Estados Unidos, a interferencia nas políticas das nacións soberanas, e un non parar de historias en todo o mundo acerca da corrupción relacionada coas empresas.

Os manifestantes anticonsumistas alegarían que as grandes corporacións só teñen a obriga de responder ante os seus accionistas, dándolle aos Dereitos Humanos pouca ou ningunha importancia. Na práctica, a dirección dunha compañía podería xerar diferenzas e rupturas de confianza. Este tipo de responsabilidade financeira significa que as corporacións multinacionais adoitan buscar estratexias que intensifican o traballo e tratan de reducir custos. Por exemplo, tratan de atopar (xa sexa directamente ou a través de empresas de subcontratación) países con economías baseadas en baixos salarios e con leis que non sexas esixentes cos Dereitos Humanos, coas prestacións laborais, co Medio ambiente etc. Un exemplo pode ser Nike.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]