Os anticorpos anticentrómero son autoanticorpos específicos para o centrómero e o cinetocoro. Aparecen nalgunhas doenzas autoinmunes, frecuentemente na escleroderma sistémica limitada (antes chamada síndrome CREST), e ocasionalmente na forma difusa de escleroderma. Son raros noutras doenzas reumáticas e en persoas sas.
Os anticorpos anticentrómero encóntranse en aproximadamente o 60 % dos pacientes de escleroderma sistémica limitada e no 15 % dos que teñen a forma difusa de escleroderma. A especificidade do test para estes anticorpos é de >98 %. Así, o descubrimento dun resultado positivo para anticorpos anticentrómero suxire fortemente un caso de escleroderma sistémica limitada. Os anticorpos anticentrómero están presentes nos inicios do curso da doenza e son moi preditivos da afectación cutánea limitada e unha menor probabilidade da implicación agresiva dun órgano interno, como na fibrose pulmonar.[1]
Cando están presentes nunha cirrose biliar primaria, estes anticorpos indican un prognóstico de hipertensión portal e os niveis séricos de anticorpos anticentrómero correlaciónanse coa gravidade da hipertensión portal.[2]