Nome orixinal | Antonio Barrios Seoane | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacemento | 21 de maio de 1910 Getxo, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 19 de agosto de 2002 (92 anos) Donostia (España) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista, adestrador de fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Dianteiro | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Antonio Barrios Seoane, nado en Getxo o 21 de maio de 1910 e finado en Donostia o 19 de agosto de 2002, foi un futbolista e adestrador español. Como xogador militou no Arenas de Getxo, co que xogou dúas tempadas na Primeira División, no Racing de Ferrol e no Valladolid.
Destacou especialmente como adestrador, dirixindo a numerosos equipos. Adestrou 25 tempadas entre a Primeira e a Segunda División, cifra só superada por Roque Olsen (31) e Luis Aragonés (26). Disputou tres finais da Copa do Xeneralísimo con tres equipos diferentes (Athletic, Atlético de Madrid e Sevilla) e conseguiu cinco ascensos á Primeira División, tres deles co Betis.
Fillo de galegos,[1] naceu na localidade biscaíña de Getxo o 21 de maio de 1910. Comezou a xogar ao fútbol no Zugartzarte da súa vila natal, que era viveiro do Arenas Club.[2]
No verán de 1932 foi cedido ao Racing de Ferrol, co que debutou en partido oficial na primeira xornada da tempada 1932/33 do Campionato de Galicia, marcando un dos sete goles do seu equipo contra o Unión Sporting no Inferniño.[3] Disputou todos os encontros do campionato, proclamándose o equipo subcampión por detrás do Deportivo da Coruña,[4] e xogou tamén co equipo verde na Terceira División.
O 5 de febreiro de 1933 debutou na Primeira División co Arenas, marcando un dos dous goles do seu equipo na derrota por 3-2 contra o Espanyol en Sarrià.[5] Xogou 20 partidos na máxima categoría entre as tempadas 1932/33 e 1933/34, anotando cinco goles. En 1934 fichou polo Valladolid, co que xogou durante a seguinte década na Segunda División.
Tras colgar as botas no Valladolid, comezou a súa carreira de adestrador no mesmo club e en tres anos ascendeuno dende a Terceira ata a Primeira División. Con todo, para o debut na máxima categoría, o club contratou a Helenio Herrera. O equipo salvouse por pouco do descenso, e trala marcha do arxentino, a directiva contratou de novo a Barrios, que levou o equipo ata a novena praza da tempada 1949/50. A continuación adestrou o Racing de Santander en Primeira, antes de regresar a Segunda para dirixir o Málaga, co que gañou o seu segundo título da categoría de prata.
En 1951 colleu as rendas do Athletic de Bilbao, ao que adestrou durante dúas tempadas, dirixindo entre outros a Zarra, Iriondo, Gaínza ou Carmelo Cedrún. Logrou clasificar o equipo para a final da Copa do Xeneralísimo de 1953, onde o título acabou sendo para o FC Barcelona de Ferdinand Daučík grazas a dous goles de Kubala e Manchón.[6]
A continuación adestrou o Atlético Tetuán en Segunda e dous anos o Atlético de Madrid en Primeira, acadando a súa segunda final de Copa, perdendo esta vez contra o seu exequipo, o Athletic de Bilbao, adestrado por Daučík. Na tempada 1957/58 logrou o seu terceiro ascenso a Primeira, no banco do Betis, e durante os seguintes anos dirixiu o Espanyol, Elche e Sevilla, clasificándose con este último para a súa terceira final da Copa do Xeneralísimo. O seu rival na final foi o Real Madrid de Miguel Muñoz, e aínda que se adiantou o Sevilla grazas a un gol de Diéguez, a vitoria foi para o club branco, que remontou con dous tantos de Puskás.
Continuou nos bancos ata 1974, dirixindo entre outros a selección española B, a Real Sociedad, por segunda vez ao Athletic (co que acadou as semifinais da Copa de Feiras 1964/65) ou o Betis, co que ascendeu dúas veces máis a Primeira División (1966/67 e 1970/71).
Faleceu en Donostia o 19 de agosto de 2002, aos 92 anos de idade.[7]