Biografía | |
---|---|
Nacemento | 10 de xuño de 1910 Santiago de Compostela, España |
Morte | 11 de febreiro de 1974 (63 anos) Madrid, España |
Lugar de sepultura | Cemiterio de La Almudena |
Actividade | |
Ocupación | actor |
Período de actividade | 1941 - |
Familia | |
Fillos | María Casal |
Antonio Casal Rivadulla, nado en Santiago de Compostela o 10 de xuño de 1910 e finado en Madrid o 11 de febreiro de 1974, foi un actor galego.
Traballou en teatro, cine e televisión e foi un dos grandes galáns do cine español de posguerra.
Iniciou estudos de navegación marítima e de comercio na Coruña. Con todo, pronto abandonou ambas as carreiras e trasladouse a Madrid onde iniciou a súa carreira artística. Incorporouse á Compañía teatral de Julia Lajos e máis adiante á de Társila Criado e Jesús Tordesillas. De aí pasou sucesivamente ás compañías de Moreno Torroba e María Fernanda Ladrón de Guevara, coa que protagonizou La madre guapa.
Debutou no cine en 1941 con Polizón a bordo que recreaba o ambiente da súa terra, e pronto se converteu nun dos principais galáns do panorama español, protagonizando sobre todo películas cómicas, como El hombre que se quiso matar (1941), de Rafael Gil, Doce lunas de miel (1943), de Ladislao Vajda ou El fantasma de Doña Juanita (1944), de Rafael Gil. Un dos traballos polo que é máis recordado é polo seu papel en La torre de los siete jorobados (1944), de Edgar Neville, hoxe considerado un filme de culto.
Iniciada a década dos cincuenta primou a súa carreira sobre os escenarios e formou unha compañía de revista con Ángel de Andrés (1950-1957) e máis tarde a súa propia. Tivo éxitos tan famosos como A lo loco de José Padilla, Las cuatro copas (1951-1953), Los 4 besos ou Entre pillos anda el juego. Prolongou unha década a súa presenza no xénero, compartindo escenario, entre outros, con Tony Leblanc en Todos contra todos (1962) e con Juanito Navarro en Quiero un bebé! (1965).[1][2]
A partir dos anos 60 traballou tamén na dirección e produción teatrais e gozou de novo de gran popularidade grazas ás series de Televisión española Palma y Don Jaime (1959), Plinio (1972) e Animales racionales (1972).
Casou en 1953 coa tamén actriz Carmen Mínguez e tiveron dous fillos: Jesús e María Casal, quen tamén se dedicou á interpretación.
Ano | Título | Papel | Notas |
---|---|---|---|
1959 | Palma y Don Jaime | Don Jaime | |
1961 | Gran teatro | 1 episodio: "Un marido ideal" | |
1968 | Historias naturales | 1 episodio: "La dulce muerte" | |
1968 | Escritores en televisión | 1 episodio: "El oficio de vivir" | |
1971 | Teatro de siempre | 1 episodio: "Casa de muñecas II" | |
1971 | Hora once | 2 episodios: "Blasones y talegas", "La Marquesa de O" | |
1971 | Plinio | Plinio | Personaxe regular. 6 episodios |
1972 | Pequeño estudio | 1 episodio: "Matrícula de Alemania" | |
1973 | Estudio 1 | 2 episodios: "La bella Dorotea II", "Doce hombres sin piedad" | |
1972 | Animales racionales | 10 episodios. | |
1975 | Original | Esteve | 1 episodio: "El último asalto" |
A Galipedia ten un portal sobre: Cine |