(2023) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 22 de novembro de 1999 (25 anos) Pontevedra, España |
Actividade | |
Ocupación | piragüista |
Deporte | piragüismo |
Disciplina deportiva | Piragüismo en augas tranquilas |
Participou en | |
8 de agosto de 2024 | Canoagem nos Jogos Olímpicos de Verão de 2024 - C-1 200 m feminino (pt) (4ª) |
agosto de 2021 | Canoagem nos Jogos Olímpicos de Verão de 2020 - C-1 200 m feminino (pt) (5ª) |
Canoagem nos Jogos Olímpicos de Verão de 2020 - C-2 500 m feminino (pt) (6ª) |
Antía Jácome Couto, nada en Pontevedra o 22 de novembro de 1999,[1] é unha piragüista galega. Compite na modalidade de augas tranquilas, na que foi tres veces campioa europea e catro veces subcampioa do mundo. Competiu en dous Xogos Olímpicos (Toquio 2020 e París 2024), conseguindo tres diplomas olímpicos.
Comezou a practicar piragüismo aos 12 anos na Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, da súa cidade natal, e pouco despois xa destacaba nas diferentes competicións nas que participaba.[2] No 2017 foi subcampioa do mundo júnior no campionato celebrado na cidade romanesa de Pitești, na que competiu xunto a María Pérez no C2 200 metros.[3]
En 2018 competiu no Campionato Europeo de Piragüismo en Augas Tranquilas, celebrado en Belgrado, no C2 nas distancias 200 e 500 metros, finalizando en sexto e noveno lugar, respectivamente. Formou parella en ambas probas con Patricia Coco.[4] Ese mesmo ano participou tamén no Campionato Mundial de Piragüismo en Augas Tranquilas, en Montemor-o-Velho, quedando sétima con María Pérez no C2 200 m e non logrando meterse na final do C1 200.[5]
En 2019 gañou tres medallas de ouro e unha de prata na Copa de España de Piragüismo.[6] No Campionato Mundial, en Szeged competiu con Patricia Coco no C2 500, buscando un pase aos Xogos Olímpicos de 2020, pero non o lograron, quedando fóra da final.[7][8] Con todo, tralo adiamento dos Xogos ao 2021, logrou unha praza para a cita olímpica do C1 200m, ao superar á madrileña María Corbera no selectivo celebrado en Verducido.[9]
Xa en Toquio, logrou meterse na final despois de conseguir un terceiro posto na primeira serie, o primeiro lugar nos cuartos de final e un cuarto nas semifinais.[10] Na final acadou o quinto posto, quedando a dúas décimas das medallas e regresando cun diploma olímpico.[11] Un mes e medio despois proclamouse por primeira vez subcampioa do mundo de C1 200 m, no certame celebrado en Copenhague, onde quedou segunda por detrás da canadense Katie Vincent e por diante da polaca Dorota Borowska.[12]
Nos Campionatos de Europa de 2022 en Múnic, conseguiu o ouro na proba de C1 200 metros e a prata no C2 da mesma distancia, onde competiu xunto a María Corbera.[13] En 2023 participou nos Xogos Europeos en Cracovia, que no referente ao piragüismo funcionaron como un Campionato Europeo. Conseguiu o ouro na proba de C2 200 m mixto,, na que participou xunto ao cangués Pablo Graña, e a prata no C2 500 m, con Corbera como compañeira.[14]
Ese mesmo ano disputou unha nova edición do Campionato Mundial, na cidade alemá de Duisburgo, onde sumou tres novas medallas de prata. A primeira delas chegou na final do C1 200, onde foi superada só pola cubana Yarisleidis Cirilo e na que quedou por diante da chinesa Lin Wenjun, resultado co que conseguiu praza para os Xogos Olímpicos de 2024.[15] Unha hora máis tarde quedou de novo segunda na final do C2 200, xunto a María Corbera, só por detrás da parella chinesa formada por Lin Wenjun e Shuai Changwen.[15] Ao día seguinte a parella Jácome-Corbera sumou a prata tamén no C2 500, así como outro billete olímpico.[16]
Nos Campionatos Europeos de 2024 celebrados en Szeged conseguiu o seu terceiro ouro, no C2 200 xunto a Corbera, e levou tamén a prata do C1 200. [17]
Nos Xogos Olímpicos de 2024 participou en dúas modalidades: C-1 200 metros e C-2 500 metros, nesta última xunto a María Corbera. Disputou primeiro o C-2, conseguindo sen problemas o pase á final. Nesta remataron na sexta posición, a máis de tres segundos das chinesas Xu Shixiao e Sun Mengya.[18] No C-1 200 meteuse tamén na final, despois de ser segunda da súa serie na rolda inicial e terceira nas semifinais. Xa na tirada final cruzou a meta na cuarta posición, nun apertado final con seis deportistas en menos dun segundo.[19]
Campionato do Mundo | |||
---|---|---|---|
Ano | Lugar | Medalla | Competición |
2021 | Copenhague | Prata | C1 200 m |
2023 | Duisburgo | Prata | C1 200 m |
Prata | C2 200 m | ||
Prata | C2 500 m | ||
Campionato Europeo | |||
Ano | Lugar | Medalla | Competición |
2022 | Múnic | Ouro | C1 200 m |
Prata | C2 200 m | ||
2023 | Cracovia | Ouro | C2 500 m mixto |
Prata | C2 200 m | ||
2024 | Szeged | Ouro | C2 200 m |
Prata | C1 200 m |