Aosdána (do irlandés aos dána; "xente da arte" en galego) é unha asociación irlandesa de artistas. Foi creada por iniciativa dun grupo de escritores e co apoio da Arts Council of Ireland no ano 1981. Requírese invitación de membros actuais para poder ingresar e está limitada a 250 persoas. Antes do ano 2005 estaba limitada a 200 membros. O seu corpo directivo chámase Toscaireacht. A súa principal finalidade é a de distinguir ós máis notábeis artistas do país.
Aosdána estableceuse orixinalmente pola proposta do escritor Anthony Cronin e baixo a influencia e suxestión do Taoiseach Charles Haughey, ben coñecido polo seu apoio ás artes.
Certos membros de Aosdána reciben un estipendio, chamado Cnuas, subvencionado pola Arts Council of Ireland. Estes cartos están destinados a permitir que o seu beneficiario poida traballar na súa obra a tempo completo. No 2010, a cantidade do Cnuas cifrábase en 17,180 €.
O título Saoi (en galego, sabio) é a maior honra que poden recibir os membros da asociación. Só pode haber sete saoithe (plural de saoi) vivos á vez. Os premios Nobel Samuel Beckett e Seamus Heaney acadaron este recoñecemento no seu día.