Array of Low Energy X-ray Imaging Sensors (ALEXIS) | |
---|---|
ALEXIS | |
Tipo | Observatorio espacial / ionosférico. |
Organización | Laboratorio Nacional dos Álamos |
Satélite de | Terra |
Data de lanzamento | 25 de abril de 1993[1][2][3] |
Foguete portador | Pegasus[2][4] |
Sitio de lanzamento | Base Edwards da Forza Aérea[2] |
Obxectivo da misión | Observación astronómica en raios X e estudo dos efectos dos relámpagos e explosións nucleares na ionosfera.[2] |
NSSDC ID | 1993-026A |
Masa | 113 kg[2][4] |
Potencia | 50 W[2][5] |
Baterías | Catro baterías de níquel-cadmio.[5] |
Datos orbitais | |
Inclinación | 69,8°[6] |
Apoapse | 746 km[6] |
Periapse | 741 km[6] |
Array of Low Energy X-ray Imaging Sensors, tamén coñecido polo seu acrónimo ALEXIS, é un observatorio espacial en raios X lanzado o 25 de abril de 1993 mediante un foguete Pegasus desde a base Edwards da Forza Aérea.
ALEXIS adicouse á observación do ceo en raios X suaves mediante seis telescopios funcionando por parellas. A súa misión consistía en facer unha exploración do fondo de raios X suaves de todo o ceo, observar fontes coñecidas brillantes no ultravioleta extremo, buscar eventos transitorios en raios X e estudar as erupcións estelares.[6]
Ademais levaba a bordo un experimento (denominado Blackbeard) que consistía nun receptor de VHF de alta velocidade que foi usado para estudar o efecto dos raios e dos impulsos electromagnéticos das explosións nucleares na transmisión a través da ionosfera.[2]
Foi lanzado mediante un foguete Pegasus desde un avión B-52, pero durante o lanzamento quedou danado un dos paneis solares. Aínda que o lanzamento puxo en órbita o satélite, non se conseguiu contactar con el e recuperar o control ata tres meses despois do lanzamento.[2]
A alimentación eléctrica era proporcionado por catro paneis solares que alimentaban catro baterías de níquel-cadmio e producindo unha potencia de ata 50 vatios. O ordenador de a bordo usaba procesadores 8086C redundantes e tiña un sistema de almacenamento en estado sólido cunha capacidade de 100 Mbytes. O sistema de comunicacións usaba a banda S, cunha taxa de descarga de 750 kbps e unha taxa de subida de 9,6 kbps. O satélite apuntaba na dirección antisolar e estabilízase mediante xiro a unha velocidade de 2 revolucións por minuto. A precisión do apuntado, usando sensores solares e de limbo, chegaba a 0,1 graos. O control de actitude conseguíase mediante o par producido por bobinas magnéticas.[5]