Biografía | |
---|---|
Nacemento | 7 de febreiro de 1877 Kinlough, Irlanda |
Morte | 21 de xaneiro de 1942 (64 anos) Hayes, Reino Unido |
Actividade | |
Ocupación | botánico, explorador |
Obra | |
Abreviación dun autor en botánica | Kerr |
Arthur Francis George Kerr, nado en Kinlough en 1877 e finado en 1942, foi un médico e botánico irlandés. É especialmente coñecido polas súas achegas ao estudo da flora de Tailandia.
A. F. G. Kerr naceu en Kinlough (Irlanda), mais estudou en Dorchester (Inglaterra).[1] Posteriormente, regresou a Irlanda para graduarse en Medicina e Botánica polo Trinity College de Dublín.[1] Foi enviado a Siam (actual Tailandia) en 1902, exercendo a medicina en varios lugares do país.[1]
Durante a súa estancia, realizou numerosas descricións da flora local de Tailandia e outras rexións do sueste asiático.[1] A súa colección de espécimes, de máis de 20,000 exemplares, foi fundamental para o estudo da flora tailandesa.[1] Tras a súa morte, foi doada ao Museo Británico.[1] Kerr tamén impulsou a outros botánicos, como Emily Collins, a recoller espécimes de plantas.
En 1903, casou con Daisy Muriel Judd, coa que tivo tres fillas.[1]
Kerr aportou algúns nomes botánicos, como o genus Dimetra (Oleaceae). Porén, a súa gran contribución á botánica foi a súa colección de flora tailandesa, xunto coas súas descricións, estudos e diarios de viaxe.[2] As pormenorizadas anotacións permiten situar os espécimes xeograficamente con gran precisión.[2]
No ámbito da lingüística e a etnografía, Kerr foi o primeiro occidental en documentar o pobo gong e a súa lingua, nun artigo de 1927.[3] Tamén realizou fotografías e descricións da Tailandia de comezos do século XX, que constitúen unha importante fonte documental.[2]
Existen varias especies nomeadas na súa honra, como o Dipterocarpus kerrii, o Hoya kerrii, o Loranthus kerrii, o Nepenthes kerrii, o Platanus kerrii ou o Rafflesia kerrii.[1] Tamén hai algúns genus de plantas que levan o seu nome, como o Kerriochloa, o Kerriodoxa,[4] o Kerriothyrsus[5] e o Afgekia,[6] que procede dunha abreviatura dos seus nomes.[7]