A Asemblea Xeral (en castelán: Asamblea General) é a institución que exerce o poder lexislativo do Uruguai. Está integrada pola Cámara de Senadores (30 membros) e a Cámara de Representantes (99 membros) e presidida polo vicepresidente do Uruguai, que é ademais presidente da Cámara de Senadores. A sede da Asemblea Xeral está no Palacio Lexislativo, en Montevideo, a capital da República Oriental do Uruguai.
Dúas cámaras compoñen a Asemblea Xeral, estas son:
Cámara de Senadores: está presidida polo vicepresidente da República (electo xunto co Presidente, xefe do Estado) e formada por 30 senadores elixidos cada cinco anos por sufraxio universal nun distrito único para o conxunto da República, segundo o indicado no artigo 94 da Constitución.[1] Os senadores para poder presentarse deben contar con 30 anos de idade.
Cámara de Representantes: está formada por 99 deputados escollidos tamén cada 5 anos por sufraxio universal segundo o fixado polo artigo 88 da Constitución.[1] Os representantes son electos por departamentos, o seu número varía segundo a poboación do distrito, aínda que o mínimo adxudicado é o de dous deputados por departamento. A idade mínima para ser representante son os 20 anos.
Interpretar a Constitución, sen menoscabo da competencia da Suprema Corte de Xustiza nesta materia.
Ademais disto, a Cámara de Senadores goza como atribución exclusiva, a posibilidade de facer un xuízo público a aquelas autoridades públicas que sexan acusadas pola Cámara de Representantes. Para poder apartalos do seu cargo deben acadar unha maioría de dous terzos.
Imaxe do Palacio Lexislativo, sede da Asemblea Xeral (Montevideo)
O Palaxio Lexislativo é a sede da Asemblea Xeral. Trátase dun edificio emprazado en Montevideo construído nun estilo neoclásico entre 1904 e 1925, a súa inauguración levouse a cabo na conmemoración do centenario da independencia uruguaia. Antes da súa construción, a Asemblea Xeral sesionaba no Cabido de Montevideo, un predio histórico que quedara pequeno para as funcións do poder lexislativo. A edificación está coroado por un orixinal lucernario sostido por cariátides que aporta luz ás estancias do interior.
No seu interior destacan as salas do plenario da Cámara de Senadores e da Cámara de Representantes, esta última presidida polo lema "a miña autoridade emana de vós e ela cesa pola vosa presenza soberana", pronunciada por José Gervasio Artigas en 1813, líder uruguaio na independencia de España. O Palacio Lexislativo conta cunha importante biblioteca, así como o despacho oficial da Vicepresidencia da República Oriental do Uruguai. Ademais, no salón dos pasos perdidos custodiánse os dous documentos fundacionais do Estado oriental: a Declaratoria de Independencia de 1825 e a Constitución de 1830. Este espazo tamén acolle actos culturais e os velorios de uruguaios senlleiros como o de Mario Benedetti, Eduardo Galeano ou Jorge Batlle, por citar algúns exemplos.[2][3][4]