Asemblea Xeral de Connecticut | |
---|---|
Tipo | parlamento de estado dos Estados Unidos de América e bicameralismo |
Sede | Capitólio Estadual de Connecticut |
País | Estados Unidos de América |
Na rede | |
https://www.cga.ct.gov | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Asemblea Xeral de Connecticut (en inglés, Connecticut General Assembly) é o parlamento do estado de Connecticut (Estados Unidos). A institución ten unha estrutura bicameral e a súa sede está en Hartford, a capital estatal.
A constitución de Connecticut de 1965 precisa as competencias e organización da A Asemblea Xeral de Connnecticut. Deste xeito, o seu artigo 3 determina que se compón de dous corpos colexisladores:[1]
Os lexisladores de ambas as dúas cámaras son electos cada dous anos por distritos uninominais, ademais non existe límite de mandatos. As sesións ordinarias da Asemblea Xeral prolónganse de xaneiro a xuño nos anos impares e de febreiro a maio nos pares.[2] As sesións da Asemblea Xeral son retransmitidas pola canle de televisión por cable Connecticut Network (CT-N) dende 1999 e en streaming por Youtube.[3]
A colonia de Connecticut contou dende 1636 coa chamada Corte Xeral (General Corte, en inglés) integrada por seis maxistrados electos e tres representantes das poboacións de Hartford, Wethersfield e Windsor. En 1698, a Asemblea Xeral, como empezaba a ser chamada, foi dividida entre o Consello (de doce membros chamados asistentes) e a Cámara de Representantes. A constitución de 1818 confirmou o carácter bicameral da Asemblea Xeral mais trocou a denominación do Consello polo de Senado.[4]
Dende 1701 ata 1874 a sede da Asemblea Xeral rotou entre a cidade de Hartford e New Haven (antiga capital da colonia homónima que se integrou en Connecticut na segunda metade do século XVII). Dende 1874 a súa sede permanente está na capital estatal, onde se edificou un novo Capitolio para albergar a ambas cámaras. Na actualidade, no Capitolio celébranse as sesións plenarias dos senadores e representantes, mentres que a maior parte dos comités parlamentarios e as oficinas dos lexisladores están no veciño Edificio da Oficina Lexislativa, LOB polas súas siglas en inglés.[5]
Entre os membros senlleiros que integraron a Asemblea Xeral de Connecticut, destacan William Samuel Johnson e Roger Sherman membros durante a segunda metade do século XVIII e redactores da Constitución dos Estados Unidos.[6] As primeiras mulleres lexisladoras da Asemblea Xeral foron electas en 1921.[7]
O proceso de elaboración dunha lei en Connecticut comeza cando un lexislador rexistra na secretaría da cámara á que pertence a súa proposta. Entón, o título da proposta de lei, o número de rexistro e o nome do seu promotor son publicados polos xornais de ambas cámaras. Segundo a materia que aborde, a proposta remítese a un dos comités da Asemblea, as comisións parlamentarias, onde se farán as comparecencias públicas oportunas e valorará o texto nun informe. Unha vez superado o paso polo comité, a Comisión Lexislativa da Asemblea Xeral analizará a constitucionalidade da lei e a Oficina de Análise Fiscal estimará o seu custo económico. Logo de ser fixado un día para o seu debate, o pleno da cámara debátea e vota as emendas. Unha vez superado o proceso nunha das cámaras, a lei é enviada á outra para ser considerada. Se na segunda cámara o texto é emendado, a primeira deberá tamén votar o texto resultante.
Finalmente, a lei aprobada pola Asemblea Xeral é presentada ao gobernador de Connecticut que pode vetala. En tal caso, a Asemblea Xeral pode revogar a decisión do gobernador se así o votan, polo menos, dous terzos de ambas as dúas cámaras.[8]