Asemblea Xeral de Maryland | |
---|---|
Tipo | parlamento de estado dos Estados Unidos de América e bicameralismo |
Sede | Capitólio Estadual de Maryland |
País | Estados Unidos de América |
Na rede | |
http://mgaleg.maryland.gov/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Asemblea Xeral de Maryland (en inglés, Maryland General Assembly) é o parlamento do estado de Maryland nos Estados Unidos. Composto por un total de 188 lexisladores electos por sufraxio universal, a Asemblea conta cunha estrutura bicameral: Senado e Cámara de Delegados. O Casa Estatal de Maryland, na cidade de Annapolis, acolle a súa sede.
O artigo 3º da Constitución de Maryland, aprobada en 1867, determina que lle corresponde á Asemblea Xeral o exercicio do poder lexislativo e que se compón de dúas cámaras: o Senado (47 membros) e a Cámara de Delegados (141 deputados). Para poder ser elixido lexislador cómpre ser cidadán estadounidense, veciño de Maryland dende, polo menos, un ano e residente no distrito polo que concorre dende, cando menos, seis menos antes da elección. Ademais, hai uns requirimentos de idade: 25 anos para senador, 21 para delegado.[1]
O territorio de Maryland está dividido en 47 distritos, escolléndose en cada un cadanseu senador e tres delegados. As eleccións teñen lugar cada catro anos e non hai límite de mandatos.
Os antecedementes do actual parlamento remóntanse a 1635, cando se xuntou por primeira vez unha asemblea de homes libres para lexislar canda o gobernador da colonia e o seu consello. Isto fai que a Asemblea Xeral de Maryland sexa sinalada como o parlamento aínda existente máis antigo nos Estados Unidos.[2] En 1650 adoptouse o sistema bicameral: a cámara alta estaba integrada polo consello do gobernador cuxos membros tiñan carácter vitalicio, e cámara baixa, conformada por homes libres escollidos polos burgueses.[3]
No contexto da independencia dos Estados Unidos, Maryland redactou a súa primeira constitución en 1776 e é entón cando nacen oficialmente o Senado, herdeiro da cámara alta mais totalmente separado do gobernador, e a Cámara de Delegados.[4] De entre os políticos que serviron na Asemblea Xeral neses tempos destacan algúns dos "pais fundadores" dos Estados Unidos, así destacan os senadores estatais Daniel Carroll, Daniel of St. Thomas Jenifer, que foi o primeiro presidente do Senado (1777-1781) e James McHenry.[5]
A primeira muller electa foi a delegada demócrata Mary E.W. Risteau en 1921.[6] Os primeiros lexisladores afroamericanos foron o senador Harry Cole e os delegados Emery Cole e Truly Hatchett e foron elixidos en 1955.[7]
Un lexislador, sexa senador ou representante, pode iniciar o proceso mediante a elaboración dunha proposta. Antes de rexistrala na cámara á cal pertenza, debe redactala coa axuda do Departamento de Servizos Lexislativos da Asemblea Xeral para garantir que conta cos requisitos técnicos precisos. É entón caso se fai a primeira lectura na cámara: a iniciativa é presentada e derivada a un comité parlamentario segundo a súa temática. Nesa fase, o comité valora e debate a proposta, de non ser rexeitada, o proceso lexislativo prosegue e chega ao pleno da cámara. Alí é de novo lida, a segunda lectura, e debátense as emendas, antes de votala. No caso de ser aprobada, envíase á cámara, onde o proxecto seguirá o mesmo procedemento, podendo ser modificada. En tal caso, unha vez rematada o proceso na segunda cámara, volverá a ser votada na cámara orixinal. Se a cámara orixinal rexeita as mudanzas, constitúese un comité conxunto con membros das dúas cámaras para intentar chegar a un acordo. O texto pactado debe ser votado afirmativamente por ambas cámaras para ser definitivamente aprobado.[8] A Asemblea Xeral pode revogar o veto do gobernador a unha lei co voto de tres quintas partes de ambas as dúas cámaras.