Atelopus limosus | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Femia (terras altas) | |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
En perigo[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Atelopus limosus Ibáñez, Jaramillo & Solís, 1995 |
Atelopus limosus[1][2] é unha especie de sapo da familia Bufonidae endémica de Panamá, onde lle dan o nome de sapo Limosa.[1][3] Os seus hábitats naturais son as beiras de regatos en bosques de terras baixas húmidas e ríos da cunca do Chagres, na rexión central de Panamá. É un dos sapos máis pequenos do mundo; os machos miden de 26 a 30 mm e as femias de 36 a 40 mm.
A. limosus ten dúas formas de coloración. Unha forma de cor das terras baixas, que é marrón cun fociño e puntas dos dedos amarelos, e outra forma de cor das terras altas, que é verde con marcas negras con forma de V invertido no dorso. Machos e femias de ambas as formas de cor son dimórficas sexualmente. Os machos son máis pequenos con ventre branco salpicado de manchas negras, mentres que as femias tenden a ter unha barriga vermella ou alaranxada.
Sábese pouco da súa dieta na natureza, pero crese que e similar á doutras especies de Atelopus que se aimentan de escaravellos, formigas, moscas e ácaros.[4] En catividade, as ras aceptan rapidamente grandes moscas da froita, pequenas larvas de vermes e pequenos grilos.
A. limosus está ameazado pola quitridiomicose (infección fúnxica) e a perda de hábitat. A especie declinou rapidamente na súa área de distribución. Aproximadamente o 75% de todas as especies coñecidas de terras altas de máis de 1000 m de altura xa desapareceron, mentres que o 58% das especies de terras baixas están declinando e o 38% desapareceron.[5] Debido á preocupación polos efectos da quitridiomicose sobre este anfibio panameño endémico, o Proxecto de Rescate e Conservación de Anfibios Panameño considerou a A. limosus como unha especie prioritaria para manter individuos en catividade como colonia segura no Parque Municipal do Cumio da cidade de Panamá. Cando o equipo de rescate chegou a un dos últimos sitios nas terras altas onde se sabía que vivía a especie en Cerro Brewster atopou que a maioría dos individuos estaban xa afectados pola quitridiomicose.[6] O programa de cría en catividade foi exitoso.[2] Aínda que a rexión de terras altas parece que foi duramente afectada pola quitridiomicose, o destino das poboacións das teras baixas é máis indeterminado, xa que este fungo parasito parece ter efectos máis acusados nos lugares de terras altas.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Atelopus limosus |