Denomínase axolema á parte da membrana plasmática dunha neurona que rodea o seu axón. Á parte das súas funcións xerais como membrana celular, ten importantes funcións no sistema nervioso, xa que é responsable de manter o potencial de membrana ao conter canles iónicas a través das cales poden intercambiarse ións rapidamente entre o interior e o exterior da neurona.[1] [2]
Todas as células do organismo están delimitadas por unha membrana plasmática. As células principais do sistema nervioso son as neuronas, as cales teñen longas prolongacións denominadas axóns, polas cales se establece a conexión con outras neuronas ou outras células. A parte da membrana correspondente ao axón é o axolema.
O axolema, igual que as restantes membranas do organismo, está formado por unha capa dobre de fosfolípidos con proteínas, ten a particularidade de contar con numerosas canles iónicas dependentes de voltaxe que son fundamentais para a transmisión do impulso nervioso. Identificáronse tres tipos de canles iónicas para o sodio, potasio e calcio. As canles de potasio son as responsables da repolarización no potencial de acción.[2]
A membrana axolémica presenta dous sectores anatómicos característicos: o segmento inicial do axón e os nodos de Ranvier. [3]
É unha rexión de membrana moi especializada situada moi próxima ao soma da neurona. Alí inícianse os potenciais de acción e ten unha densidade especialmente alta de canles iónicas reguladas por voltaxe.[4]
Son espazos dun micrómetro de lonxitude, que deixan exposta a membrana do axón ao líquido extracelular (eses puntos carecen de recubrimento de vaíña de mielina) e están distribuídos ao longo do axón. Facilitan a despolarización da membrana e a transmisión rápida e saltatoria de impulsos.