O baixo cifrado é un sistema de cifrado musical, orixinado no Barroco, a partir dun xénero e estilo musical determinado: o baixo continuo. Consiste nun sistema de representación mixto en que baixo unha liña convencional de baixo escríbense cifras que representan os acordes que deben realizarse simultaneamente con esa liña grave. É dicir, é unha linguaxe de abreviaturas harmónicas. A realización exacta de melodías intermedias proporcionadas por estes acordes apuntados, deixábase á execución ou inspiración do instrumentista (en moitas ocasións, o director da orquestra, á clave; ou o mestre de capela, ao órgano).
No período barroco, cando ten o seu florecemento, e debido ao propio estilo do baixo continuo, e a súa procura de claridade e sinxeleza, vaise logrando un hábil e efectivo esquematismo que elimina datos innecesarios (e aclara o camiño para a posterior síntese da teoría).
Esta abreviatura acórdica viuse desde o primeiro momento favorecida pola enorme frecuencia dos acordes perfectos nese momento histórico, o que fixo posible presupoñelos cando non houbese cifra algunha, e orixinar así un sistema desenvolvido de simplificacións (estenográfico) de enorme concisión e eficacia, á hora de esquematizar unha harmonía.
Unha vez superada a época do baixo continuo como textura musical (en época clásica escríbense xa todos os sons implicados) o valor do baixo cifrado pasa a ser eminentemente analítico e teórico (sobre todo, en pedagoxía) e é entón cando os dialectos latino e anglosaxón do baixo cifrado comezan un proceso de separación, xa que o anglosaxón continúa mantendo o vocabulario básico (nos seus exercicios de coral), mentres que o latino (sobre todo, francés) procura incorporar os avances que en materia de teoría harmónica se van sucedendo e, en concreto, concede un protagonismo especial á chamada función tonal de sensible (principios de análise funcional, non só gramatical).
A súa realización práctica defínese nunha primeira regra xeral: a partir do grao definido polo baixo (expresado polo pentagrama da voz real), debaixo dalgunhas ou de todas as notas escríbense pequenos números (cifras) que indican os intervalos que forman as voces superiores coa nota do baixo, simultaneamente (por exemplo, do-mi-sol exprésase cun 3 e un 5 debaixo da nota do no baixo; do-mi-la, cun 3 e un 6;do-fa-la, cun 4 e un 6,etc.)
A esquematización profunda do sistema de escritura do baixo cifrado depende de dar por sentado unha serie de convencionalismos:
Non son os únicos cifrados posibles, nin moito menos: hai cifrados especiais para acordes “estraños”, de sobretónica, con notas engadidas, etc., pero estes presentados na táboa son a base de todos os demais. No modo menor as convencións son análogas, aínda que xorden acordes cunha interválica moito máis rica (diversas anotacións de notas alteradas nun sentido ou outro, segundo os graos, incluída a quinta aumentada, pouco frecuente en modo maior). En calquera dos casos, a ligazón dos acordes debeu (e debe) facerse segundo as regras do contrapunto.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Baixo cifrado |