Retrato anónimo de Gérard nun gravado antigo | |
Nome orixinal | (fr) Balthazar Gérard |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 1557 Vuillafans, Franco Condado |
Morte | 1584 Delft, Provincias Unidas |
Causa da morte | pena de morte, tortura |
País de nacionalidade | Española (Franco Condado) |
Educación | Universidade de Dole |
Q89547790 | Asasinato de Guillerme I de Orange-Nassau |
Actividade | |
Ocupación | letrado (en) |
Outro | |
Condenado por | asasinato |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Balthasar Gérard (na tradición neerlandesa: Gerards o Gerardts), nado en 1557 en Vuillafans, no Franco Condado, e finado en 1584 na vila surholandesa de Delft, foi o asasino do líder independentista e estatúder das Provincias Unidas dos Países Baixos Guillerme de Orange, tamén coñecido como Guillerme o Taciturno.
Cando Gérard naceu, o Franco Condado, que actualmente é parte de Francia, pertencía á Monarquía Hispánica. Foi un dos once irmáns dunha familia católica e admiraba profundamente a Filipe II de España, soberano dos Países Baixos e conde de Borgoña. Estudou leis na Universidade de Dole. Xa antes de que Filipe II ofrecese unha recompensa pola cabeza de Guillerme de Orange, Gerárd dixéralles aos seus compañeiros de estudos que apuñalaría o Taciturno.
Filipe II ofreceu unha recompensa de 25.000 coroas a quen matase a Guillerme de Orange, ao que chamaba "peste do conxunto da cristiandade e un inimigo da raza humana".
Tras o anuncio da recompensa, Gérard foise a Luxemburgo, onde soubo que Juan de Jáuregui estaba a planear o asasinato. En marzo de 1584 deixou Luxemburgo e viaxou a Tréveris, onde forxou o seu plan antes de que un xesuíta o convencese de cambiar o seu plan orixinal.
En Tournay reuniuse cun coñecido franciscano da época, o Pade Gery. Alí escribiu unha carta con copia entregada para a súa custodia ao gardián do convento franciscano. El mesmo entregoulle o orixinal ao príncipe de Parma, a quen lle dixo: «O vasalo debería preferir sempre a xustiza e o desexo do rei á súa propia vida». Explicoulle o seu plan pero non especificou a natureza exacta da súa estratexia. Ao principio o príncipe creuno pouco adecuado, pero tras realizar diversas consultas pedíuselle que puxese por escrito o seu plan, o que fixo o 11 de abril de 1584.
Gérard pediulle a absolución do príncipe de Parma, pois «ía estar durante algún tempo na compaña herexes e ateos, e debía acomodarse en certa forma aos seus costumes».
Na primeira oportunidade que se lle presentou para o crime non se preparou o suficiente e non tiña plan de fuxida. Naquela época, Guillerme durmía desarmado e só na cama. Esperou outra oportunidade.
O 8 de xullo roldou á espreita no patio do pazo Prinsenhof, na cidade surholandesa de Delft, onde residía Guillerme, examinando a situación. Un alabardeiro preguntoulle por que esperaba alí e el escusouse dicindo que coas súas roupas raídas e sen zapatos novos non podía unirse á congregación na igrexa próxima. O alabardeiro non sospeitou do propósito real de Balthasar e, apiadándose da súa pobreza, conseguiulle 50 coroas.
Á mañá seguinte, Gérard mercoulle a un soldado un par de pistolas e munición.
Cando Guillerme de Orange subía as escaleiras cara ao segundo andar do Prinsenhof faloulle un capitán galés, quen se axeonllou ante el. Guillerme puxo a súa man na cabeza do vello capitán, momento en que Balthasar Gérard saltou desde un recuncho escuro, sacou a súa arma e disparou tres veces. Guillerme caeu. Crese que as súas derradeiras palabras foron «Meu Deus, ten piedade de min e do meu pobre pobo».
Gérard escapou pola porta lateral e correu por un estreito carreiro perseguido polo capitán galés que presenciara os actos. Malia ter preparada a súa fuxida, foi detido coa axuda dun servente e un alabardeiro do príncipe.
Xa na casa foi interrogado inmediatamente polos maxistrados da cidade. El non amosou desesperación nin arrepentimento ningún.
Na primeira noite do seu cativerio, Balthasar Gérard foi torturado: penurárono dun pau e bateron nel cun látego, e deixárono pasar a noite coas mans e os pés atados, para que non puidese durmir. Durante os tres días seguintes continuaron as máis diversas torturas, ata que os maxistrados sentenciaron que se lle debía queimar a man dereita cun ferro incandescente, despois separarlle a carne dos ósos con pinzas, destripalo e despezalo vivo, e que lle sacase o corazón do peito e se lle guindase á súa propia cara, antes de, finalmente, decapitalo.[1]
En lugar das 25.000 coroas de recompensa, Filipe II deulles aos pais de Balthasar varias terras no Franco Condado, no actual departamento francés de Doubs, e a familia recibiu un título nobiliario.[2]