Biografía | |
---|---|
Nacemento | 24 de agosto de 1753 A Paz |
Morte | 5 de setembro de 1782 (29 anos) A Paz |
Causa da morte | pena de morte, desmembramento |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Vicerreinado do Perú |
Actividade | |
Ocupación | revolucionario , líder |
Lingua | Lingua castelá e Lingua aimará |
Familia | |
Cónxuxe | Túpac Katari |
Parentes | Gregoria Apaza (husband's sister (en) ) |
Bartolina Sisa Vargas, nada en Caracato, Vicerreinado do Perú, o 24 de agosto de 1750 ou 1753, e finada na Paz, Vicerreinado do Río da Prata, Imperio Español, o 5 de setembro de 1782, foi unha unha muller aimará e heroína indíxena.[1] Durante a época da colonia loitou xunto co seu esposo Julián Apaza, coñecido como Túpac Katari, organizou[2] varios campamentos militares e participou do cerco á cidade da Paz. Foi traizoada e entregada ás autoridades españolas do vicerreinado, que posteriormente a executaron.[3] Na súa honra o 5 de setembro conmemórase o Día Internacional da Muller Indíxena.[4][5]
Filla de José Sisa e Josefa Vargas, indíxenas da vila e cantón Caracato, no concello de Sapahaqui, dedicouse ao comercio da folla de coca e dos tecidos nativos.[6]
Bartolina foi descrita por algúns historiadores como unha muller aguerrida que dominaba a kurawa (tirafonda) e o fusil. Sabía montar cabalo e era moi intelixente. En 1772, xa casada, tivo o primeiro do seu catro fillos: tres nenos e unha nena. O primeiro fillo foi capturado no Perú por Sebastián Segurola en 1783, e crese que posteriormente foi asasinado. Os outros tres chegaron a sobrevivir na clandestinidade.[7]
Á idade de 25 anos uniuse a Tupac Katari, o seu esposo, para organizar e liderar distintos levantamentos contra os españois, tras observar as inxustizas cometidas polo sistema colonialista de explotación do século XVIII. Cando estalou a insurxencia indíxena aimará e quechua de 1781, ela foi proclamada vicerraíña por dereito propio.[8] Bartolina asumiu importantes funcións de liderado.[9]
Dende 1780 planificábase unha insurrección indíxena. Xunto a José Gabriel Condorcanqui (Túpac Amaru) e os irmáns Dámaso e Tomás Katari de Chayanta, con quen converxían nos seus ideais libertarios e propósitos emancipatorios, lograron reunir a máis de 150 mil indíxenas de toda a rexión.
O 13 de marzo de 1781 levantouse un campamento militar indíxena en La Ceja de El Alto pechando todos os accesos á cidade da Paz. Empezaron con 20 mil indíxenas e en cinco meses chegaron a ser 80 mil persoas, xerando escaseza de alimentos e de auga na cidade. O 21 de maio Tupac Katari deixou a Bartolina a cargo do cerco. Ao ver a unha muller a cargo, o exército español mandou a 300 soldados a capturala; ela, xunto co exército indíxena, apedrearon aos españois que non lograron o seu obxectivo.
Logo de 109 días de asedio, os españois recibiron axuda de Charcas. Isto logrou que Tupac Katari replegase o seu exército que foi abatido polas forzas españolas e polas alianzas que estas estabeleceron con líderes indíxenas contrarios[10] a Tupac Katari, o que posibilitou que os xefes da rebelión fosen apresados e sentenciados a morte.[11]
Bartolina Sisa e a súa cuñada Gregoria Apaza, outra líder da rebelión, foron encarceradas nunha cela fría, escura e húmida onde agardaron a súa condena durante oito meses. O 6 de setembro de 1782, condenadas polo auditor Francisco Tadeo Díez de Medina, as dúas líderes aimarás foron aforcadas[12] ante a multitude na praza maior da Paz. A Apaza e a Sisa puxéronlles unha coroa de espiños na fronte e fixéronas pasear espidas sobre un burro dende a prisión ata o cadafalso. A maneira de exemplo, os seus corpos foron desmembrados, os seus membros foron enviados a diferentes lugares onde participaran na resistencia para ser expostos, as súas cabezas foron empaladas e o resto do corpo foi incinerado para que as cinzas fosen espalladas polo vento.[13]
En 1980 foi nomeada na súa honra a Confederación Bartolina Sisa, organización sindical de mulleres indíxenas e campesiñas, co obxectivo de mellorar a participación das mulleres indíxenas e rurais no eido político, social e nas decisións económicas de Bolivia.[14] Así mesmo, en 1983 o Segundo Encontro de Organizacións e Movementos das Américas, reunido en Tiwanaku, decidiu celebrar o Día Internacional da Muller Indíxena cada 5 de setembro, o mesmo día da súa execución.[5]