Bell UH-1N Twin Huey | |
---|---|
Tipo | helicóptero utilitario |
Fabricante | Bell Helicopter |
Primeiro voo | abril de 1969 |
Introducido | outubro de 1970 |
Variantes | Bell 212 Bell UH-1Y Venom |
O Bell UH-1N Twin Huey é un helicóptero militar medio bimotor. Voou por vez primeira no ano 1969 e é un membro da familia Huey. O CUH-1N Twin Huey (posteriormente CH-135 Twin Huey) foi a versión orixinal, pedida inicialmenente polas forzas armadas do Canadá.
O UH-1N ten unha configuración de 15 asentos, cun piloto e 14 pasaxeiros. En configuración de carga ten unha capacidade interna de 6,23 m³ e no exterior pode levar ata 2 268 kg. O UH-1N foi posteriormente desenvolvido no Bell 212 civil.[1]
Baseado na fuselaxe alongada do Bell 205, o Bell 212 foi desenvolvido orixinalmente para as forzas armadas canadenses baixo a designación CUH-1N Twin Huey. Posteriormente as forzas canadenses adoptaron un novo sistema de designación e o aparello pasou a chamarse CH-135 Twin Huey.[2] Canadá aprobou o desenvolvemento da aeronave o 1 de maio de 1968[1] e mercou 50 unidades que empezaron a entregarse en maio de 1971.[3]
Os militares estadounidenses estiveron moi preto de non mercar o Twin Huey. A compra do aparello para ser usado polos Estados Unidos tivo a oposición do presidente da Comisión das Forces Armadas da Cámara de Representantes da época, L. Mendel Rivers. Rivers tomou esa posición porque o motor do aparello, o Pratt & Whitney Canada PT6T, estaba fabricado no Canadá. O goberno liberal canadense non apoiaba a participación estadounidense na guerra de Vietnam e opoñíase ás políticas dos seus veciños no sueste asiático. Rivers tamén estaba preocupado de que a compra dos motores provocase un déficit comercial co Canadá. O Congreso só aprobou a compra cando se asegurou que atoparía unha fonte nos Estados Unidos para os motores PT6T/T400. Como resultado as forzas armadas estadounidenses pediron 294 Bell 212 coa designación UH-1N, comezando as entregas en 1970.[3]
A diferenza das forzas canadenses, no servizo estadounidense o UH-1N mantivo o nome oficial Iroquois das variantes monomotor UH-1, aínda que o persoal referíase a el como Huey ou Twin Huey.[4]
O Bell 412 é un desenvolvemento do Bell 212, sendo a maior diferenza as catro palas do rotor principal de materiais compostos.[3] O UH-1N tamén foi desenvolvido no actualizado UH-1Y de catro palas.[5]