As células estreladas pancreáticas son células similares a miofibroblastos con forma estrelada presentes no páncreas, que poden cambiar dun estado quiescente a un estado activado.[2] Foron descubertas por Saotome et al en 1997 [3]. Teñen bastantes similitudes coas células estreladas hepáticas.
As células estreladas pancreáticas atópanse en áreas do páncreas exócrino arredor dos acinos (nos espazos periacinares) e supoñen arredor do 4 % das células pancreáticas no páncreas san. Os seus procesos citoplasmáticos, que lles dan o seu aspecto estrelado, rodean a base dos acinos. Tamén se atopan nas rexións perivasculares e periductais do órgano. Cando se activan migran ao lugar onde se produciu un dano no tecido, e participan nas actividades reparativas do tecido, secretando compoñentes da matriz extracelular como coláxeno de tipo I e III, fibronectina e laminina. Estas células conteñen gotas lipídicas que conteñen retinoides (vitamina A), que se perden durante a activación, e proteínas citoesqueléticas como a desmina e a proteína acídica fibrilar glial [4]
As células estreladas pancreáticas xogan un papel na patoxénese da pancreatite e do cáncer de páncreas.[1][5] A pancreatite iníciase por un dano no tecido acinar, ductal, e/ou células mesenquimais do páncreas, e isto vai seguido por procesos patolóxicos como edema intersticial, necrose celular, activación intrapancreática da tripsina [6], infiltración de células inflamatorias, e a activación e proliferación das células estreladas pancreáticas.
As células estreladas pancreáticas son activadas por mediadores profibroxénicos, como o etanol [7] , metabolitos e citocinas/factores de crecemento. A perpetuación das células estreladas pancreáticas en condicións patolóxicas persistentes orixina fibrose pancreática. Na transdución dos sinais de activación están implicadas quinases MAP (proteína quinases activadas por mitóxeno), e os ligandos PPARγ (receptor activado polo proliferador do peroxisoma γ), que son receptores nucleares hormonais, inducen o fenotipo quiescente destas células [8].