CD23

Fragmento Fc do receptor de baixa afinidade II da IgE (CD23).

O CD23 (cluster de diferenciación 23), tamén chamado Fc épsilon RII, ou FcεRII, é o receptor de "baixa afinidade" (tipo II) das IgE (anticorpos implicados na alerxia e a resistencia aos parasitos), e é importante na regulación dos niveis de IgE. A diferenza da maioría dos outros receptores de anticorpos, o CD23 é unha lectina de tipo C. O CD23 encóntrase na superficie de células B maduras, macrófagos activados, eosinófilos, células dendríticas foliculares, e plaquetas.

Hai dúas formas de CD23: CD23a e CD23b. O CD23a está presente nas células B foliculares, mentres que, pola súa parte, o CD23b require IL-4 para expresarse en células T, monocitos, células de Langerhans, eosinófilos, e macrófagos.[1]

O CD23 ten un papel de transporte na regulación de retroalimentación de anticorpos. Os antíxenos que entran na circulación sanguínea son capturados por anticorpos IgE específicos para o antíxeno. Os inmunocomplexos formados coa IgE únense a moléculas de CD23 na superficie dos linfocitos B, que os transportan aos folículos de células B do bazo. O antíxeno é despois transferido desde as células B CD23+ ás células presentadoras de antíxenos CD11c+. As células CD11c+ á súa vez presentan o antíxeno a células T CD4+, o que pode orixinar unha potenciación da resposta de anticorpos.[2]

Importancia clínica

[editar | editar a fonte]

O alérxeno responsable da alerxia ao ácaro do po Der-p-1 pode clivar (cortar) o CD23 da superficie das células. Cando o CD23 está en estado soluble pode moverse libremente e interaccionar coas células no plasma. Recentes estudos mostraron que o incremento dos niveis de CD23 soluble causan o recrutamento de células B non sensibilizadas para a presentación de péptidos antixénicos a células B específicas para o alérxeno, incrementando deste xeito a produción de IgE específicas para o alérxeno. As IgE, á súa vez, regulan á alza a expresión de CD23 e de Fc épsilon RI (o receptor de IgE de alta afinidade).

En citometría de fluxo, o CD23 é útil na diferenciación de leucemia linfocítica crónica, que é CD23 positiva, da leucemia de células do manto, que é CD23 negativa (o manto é a zona dos ganglios linfáticos que rodea os centros xerminais).[3] Pode tamén demostrarse a presenza de CD23 en células B dos centros xerminais foliculares utilizando inmunohistoquímica, pero non está presente nas células en repouso da zona do manto que as rodea. Os linfomas orixinados na zona do manto son xeralmente negativos para o CD23, pero a maioría das leucemias linfomocíticas crónicas de células B e os linfomas de células B de baixo grao son positivas, o que permite distinguir por inmunohistoquímica estas dúas doenzas, que, por outra parte, teñen unha aparencia similar. As células de Reed-Sternberg son xeralmente positivas para o CD23.[4]

  1. Lichtman AH, Abbas AK (2003). Cellular and molecular immunology. Philadelphia: Saunders. pp. 324–325. ISBN 0-7216-0008-5. 
  2. Henningsson F, Ding Z, Dahlin JS, Linkevicius M, Carlsson F, Grönvik KO, Hallgren J, Heyman B (2011). Metzger, Dennis W., ed. "IgE-Mediated Enhancement of CD4+ T Cell Responses in Mice Requires Antigen Presentation by CD11c+ Cells and Not by B Cells". PLoS ONE 6 (7): e21760. PMC 3130775. PMID 21765910. doi:10.1371/journal.pone.0021760. 
  3. Barna G, Reiniger L, Tátrai P, Kopper L, Matolcsy A (2008). "The cut-off levels of CD23 expression in the differential diagnosis of MCL and CLL". Hematol Oncol 26 (3): 167–70. PMID 18381689. doi:10.1002/hon.855. 
  4. Cooper K, Leong A S-Y (2003). Manual of diagnostic antibodies for immunohistology. London: Greenwich Medical Media. p. 95. ISBN 1-84110-100-1. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]