CHIPSat | |
---|---|
Tipo | Observatorio espacial. |
Organización | NASA, Universidade de California en Berkeley |
Satélite de | Terra |
Data de lanzamento | 13 de xaneiro de 2003, 00:45 UT[1][2][3] |
Foguete portador | Delta II 7320[2][4] |
Sitio de lanzamento | Base Vandenberg da Forza Aérea[2] |
Obxectivo da misión | Observar o fondo difuso de ultravioleta do ceo.[2][4] |
NSSDC ID | 2003-002B |
Masa | 60 kg[4][5] |
Datos orbitais | |
Semieixo maior | 6948,8 km[1] |
Inclinación | 94 graos[1] |
Apoapse | 586,9 km[1] |
Periapse | 568,6 km[1] |
CHIPSat (acrónimo de Cosmic Hot Interstellar Plasma Spectrometer Satellite) foi un observatorio espacial da Universidade de California en Berkeley e da NASA lanzado o 13 de xaneiro de 2003 ás 00:45 UT mediante un foguete Delta II 7320 desde a base Vandenberg da Forza Aérea.[2]
CHIPSat foi a primeira misión de demostración tecnolóxica seleccionada polo programa UNEX (University-class Explorer) da NASA co obxectivo de cartografar o fondo difuso do ceo en lonxitudes de onda ultravioleta, entre 90 e 260 ángstroms. Nesas lonxitudes de onda pódese estudar a temperatura dos electróns, a ionización e os mecanismos de arrefriamento da burbulla interestelar local, unha nube de gas quente na que está inmerso o sistema solar e que abarca ata uns 300 anos luz deste.[6][2][4]
O satélite, construído por SpaceDev, pesaba 64 kg e estabilizábase nos tres eixos usando catro volantes de inercia, tres bobinas magnéticas, dous sensores solares, un magnetómetro, un sensor lunar e sensores de xiro para proporcionar unha precisión no apuntado de 2 graos. O satélite usaba o bus BD-II, baseado en aluminio. A potencia eléctrica era proporcionada por células solares montadas no corpo do satélite e capaces de dar ata 106 vatios que alimentaban varias baterías de níquel-cadmio usadas durante os eclipses. O control térmico da nave era pasivo e o sistema de control e comunicacións usaba un só ordenador cunha CPU Motorola Power PC 750. CHIPSat foi o primeiro satélite en usar unicamente TCP/IP e FTP como protocolo de comunicacións co equipo de terra, emitindo en banda S. [6][2][4]
O satélite levaba como único instrumento un espectrómetro ultravioleta de baixo custo e alta sensibilidade denominado CHIPS e que lle deu nome ó satélite. CHIPS é o acrónimo de Cosmic Hot Interstellar Plasma Spectrometer, que significa espectrómetro cósmico de Plasma interestelar quente. O satélite realizaba observacións a través de seis pequenas aperturas no panel traseiro.[4][6]
CHIPSat foi apagado por falta de fondos o 11 de abril de 2008 tras funcionar correctamente durante cinco anos.[4][6]