COROT (do francés "COnvection ROtation et Transits planétaires", ou sexa en inglés "COnvection ROtation and planetary Transits") é unha misión espacial liderada polo CNES (a axencia espacial francesa) xunto coa Axencia Espacial Europea e outros socios internacionais. Os dous obxectivos da misión son a busca de planetas extrasolares con períodos orbitais curtos e facer observacións astrosismolóxicas mediante a medición das oscilacións de tipo solar en estrelas.[1] Foi lanzado ás 14:28:00 UTC do 27 de decembro de 2006 a bordo dun foguete Soiuz 2.[2][3][4] COROT fixo a súa primeira observación o día 18 de xaneiro de 2007.[5] É o primeiro observatorio adicado totalmente á detección de planetas extraolares. Detectou o seu primeiro planeta extrasolar, COROT-1b, en maio de 2007.[6] Inicialmente planeouse unha vida útil para COROT de 2,5 anos a partir do lanzamento, pero a misión estendeuse primeiro ata xaneiro de 2010[7] e logo ata polo menos 2013[8].
O deseño óptico de COROT minimiza a luz incidente da dispersión pola Terra e proporciona un campo de visión de 2,7º por 3,05 graos. O camiño óptico de COROT consiste nun telescopio afocal fóra de eixo de 27 cm de diámetro albergado nun receptáculo opaco de dous seccións deseñado especificamente para bloquear a luz solar reflectida pola Terra e unha cámara cun obxectivo dióptrico e unha caixa focal. Dentro da caixa focal atópase unha matriz de catro detectores CCD protexidos contra a radiación por un escudo de aluminio de 10 mm de espesor. Os CCD usados en astrosismoloxía está desenfocados por unha lonxitude de 760 μm cara ao obxectivo dióptrico para evita-la saturación das estrelas máis brillantes. Un prisma diante dos CCD utilizados na detección planetaria proporciona un pequeno espectro deseñado para dispersar con máis intensidade as lonxitudes de onda azuis.[9]
Os catro CCDs son do modelo 4280, proporcionados por E2V Technologies e teñen un tamaño de 2048 x 2048 pixeles, tendo cada píxel unha superficie de 13,5 x 13,5 μm², o que corresponde a un tamaño angular de 2,32 segundos de arco. Os CCDs son arrefriados a unha temperatura de -40 °C (233,4 K) e alíñanse nun patrón cadrado, con cada parella adicada respectivamente á detección planetario e á astrosismoloxía. O campo de visión para a detección planetaria é de 3,5º.[9]
O observatorio, construído no centro espacial de Cannes Mandelieu, tiña unha masa no lanzamento de 630 kg, unha lonxitude de 4,1 m e un diámetro de 1,984 metros, estando alimentado por dous paneis solares.[7]
Durante o tempo que dure a súa misión, COROT observará de maneira perpendicular ó seu plano orbital, co que non haberá ocultacións por parte da Terra, permitindo 150 días de observacións continuas. Durante o verán boreal observará un area ó arredor da constelación de Serpens e durante o inverno observará en Monoceros. Os 30 días restantes COROT observará outras cinco partes do ceo. Hai catro partes xa identificadas baixo estudo:
O observatorio monitorizará o brillo das estrelas, buscando as pequenas diminucións que ocorren regularmente cando os planetas transitan por diante do seu sol. COROT será suficientemente sensible como para detectar planetas rochosos varias veces máis grandes que a Terra. Espérase tamén que descubra novos xigantes de gas, que son a maior parte de planetas descubertos ata a data do lanzamento de COROT.[10]
COROT tamén levará a cabo observacións astrosismolóxicas, podendo detectar as variacións de luminosidade asociadas coas pulsacións acústicas das estrelas. Este fenómeno permite o cálculo preciso da masa da estrela, a súa idade e a súa composición química, ademais de permitir comparar o Sol con outras estrelas.
En cada campo de visión haberá unha estrela que será o obxectivo principal para astrosismoloxía, así como ata nove outros obxectivos. Simultaneamente o observatorio rexistrará o brillo de 12.000 estrelas máis brillantes de magnitude 15,5 para o estudo sobre planetas extrasolares. Espérase que como resultado se atopen unhas cantas ducias de planetas.
A misión comezou o 27 de decembro de 2006 co lanzamento do observatorio a bordo dun foguete Soiuz 2-1b ata unha órbita polar de 827 km de altura. A primeira observación da campaña científica tivo lugar o 3 de febreiro de 2007.[11]
COROT foi construído principalmente polo CNES[12], a onde foron enviadas os compoñentes individuais para montar o observatorio. A baía de equipamento, que alberga a electrónica de obtención de datos e de preprocesamento, foi construída polo laboratorio LESIA, pertencente ó observatorio de París, e levou 60 persoas-ano completalo.[12] A cámara de COROT, tamén construída polo laboratorio LESIA, levou 25 persoas-ano.[12]
Antes do comezo da misión o equipo declarou que COROT só sería capaz de detectar planetas unhas poucas veces máis grandes que a Terra e que non estaba deseñado especificamente para detectar planetas habitables. De acordo á declaración ós medios co que se anunciaron os primeiros resultados, os instrumentos de COROT estaban funcionando con maior precisión da que fora prevista, podendo ser capaz de atopar planetas máis pequenos que a Terra.[6]
Asúmese que COROT podería detectar tan só unha pequena porcentaxe de planetas dentro do seu rango de detección debido á baixa porcentaxe de planetas que en teoría transitarán no ángulo adecuado para ser vistos polo observatorio. Espérase que os sistemas planetarios detectados serán reobservados polos futuros observatorios espaciais Darwin, pertencente á ESA, e Terrestrial Planet Finder, ou incluso polo observatorio Kepler, actualmente en funcionamento.
O 3 de maio de 2007 informouse de que COROT descubrirá un Xúpiter quente, ó que se denominou COROT-1b, orbitando unha estrela similar ó Sol e a uns 1500 anos luz de distancia. COROT-1b ten un radio aproximadamente 1,78 veces o radio de Xúpiter, unha masa unhas 1,3 veces a masa de Xúpiter e orbita á súa estrela unha vez cada 1,5 días.[6][13] No día de operacións número 300 a ESA informou de que COROT estaba descubrindo exoplanetas a un ritmo determinado pola disposición de recursos que permitiran confirmar e seguir as deteccións.[14] O 20 de decembro de 2007 publicáronse resultados adicionais, confirmándose o descubrimento dun segundo exoplaneta, COROT-2b, cun radio de 1,4 veces o de Xúpiter e 3,5 veces a súa masa. O período orbital é menor de dous días. Os resultados astrosismolóxicos foron publicados na mesma nota de prensa.[15] Publicáronse tres artigos científicos describindo os dous exoplanetas, con confirmación polo método da velocidade radial, que apareceron en Astronomy and Astrophysics en maio de 2008 (Barge 2008, Alonso 2008 and Bouchy 2008). Nese mesmo mes anunciouse o descubrimento de COROT-3b, un obxecto que é algo entre unha anana marrón e un planeta.
En febreiro de 2009 anunciouse o descubrimento de COROT-7b, o exoplaneta máis pequeno descuberto, con 1,7 veces o diámetro terrestre.
COROT atopou tres estrelas que mostran un comportamento sismolóxico semellante ó do Sol (oscilacións e granulacións), aínda que son máis quentes que este.[16]
Atopáronse sete obxectos planetarios durante a misión.
estrela | Constelación | Ascensión recta |
declinación | Mag. ap. |
Distancia (al) | Tipo espectral |
Planeta | Masa (MX) |
raio (RX) |
Período orbital (d) |
Semieixo maior (UA) |
Excentricidade orbital |
Inclinación orbital (°) |
Ano de descubrimento |
Ref |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
COROT-1 | Monoceros | 06h 48m 19s | –03° 06′ 08″ | 13.6 | 1560 | G0V | b | 1.03 | 1.49 | 1.5089557 | 0.0254 | 0 | 85.1 | 2007 | |
COROT-2 | Serpens | 19h 27m 07s | +01° 23′ 02″ | 12.57 | 930 | G7V | b | 3.31 | 1.465 | 1.7429964 | 0.0281 | 0 | 87.84 | 2007 | |
COROT-3 | Aquila | 19h 28m 13.265s | +00° 07′ 18.62″ | 13.3 | 2200 | F3V | b | 21.66 | 1.01 | 4.25680 | 0.057 | 0 | 85.9 | 2008 | |
COROT-4 | Monoceros | 06h 48m 47s | −00° 40′ 22″ | 13.7 | F0V | b | 0.72 | 1.19 | 9.20205 | 0.090 | 0 | 90 | 2008 | ||
COROT-5 | Monoceros | 06h 45mm 07ss | +00° 48′ 55″ | 14 | F9V | b | 0.459 | 1.28 | 4.0384 | 4.0378962 | 0.09 | 85.83 | 2008 | ||
COROT-6 | Aquila?a | 13.9 | F5V | b | 3.3 | 1.16 | 8.89 | 2009 | |||||||
COROT-7 | Monoceros | 06h 43m 49.0s | −01° 03′ 46.0″ | 11.668 | 489 | G9V | b | <0.066 | 0.150 | 0.853585 | 0.0172 | 0 | 80.1 | 2009 | [17] |
O 8 de marzo de 2009 o satélite sufriu a perda de comunicación coa unidade de procesamento número 1, adicada ó procesamento de datos dun dos dous fotodetectores da nave. As operacións científicas reiniciáronse a principios de abril coa unidade de procesamento número 1 fóra de servizo e coa número 2 funcionando normalmente. A perda do fotodetector número 1 implica a perda dun dos CCD adicados á astrosismoloxía e dun dos CCD adicados á detección planetaria. O campo de visión do satélite polo tanto viuse reducido nun 50%. A perda do canle 1 parece ser permanente.[18]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: COROT |