Can de palleiro

Can de palleiro
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Carnivora
Familia: Canidae
Xénero: Canis
Distribución tradicional do can de palleiro no agro galego.[1]
Distribución tradicional do can de palleiro no agro galego.[1]

Distribución tradicional do can de palleiro no agro galego.[1]

O can de palleiro é unha raza de can de tamaño medio orixinaria de Galicia.[2] Tradicionalmente, era o can por antonomasia do agro galego e a súa función era a de can pastor e tamén de garda,[3][4] mais hoxe en día hai exemplares adicados a distintas funcións, como axuda a discapacitados, cans de terapias,[5] cans de salvamento[6] ou en competicións deportivas como o canicross e o agility.[1][7] É unha das catro razas de cans autóctonas de Galicia, xunto co guicho, o perdigueiro e o podengo galego.

Estivo a piques de desaparecer por mor dos cruzamentos con outras razas. O seu proceso de recuperación comezou na década de 2000, e en decembro de 2017 había 1 275 cans inscritos no libro xenealóxico do Club da Raza Can de Palleiro.[8] En 2023 había un total de 2.332 exemplares, o que supón un aumento do 67% con respecto ao ano 2018, cando había 1.395.[9]

Recibe o seu nome en alusión ó palleiro onde tradicionalmente adoitaban durmir estes cans. Tamén é coñecido por outros nomes segundo as zonas, como "can do gando", "can das vacas", "can da casa", "can lobo" ou "can lobeiro".[3]

Cadeliños de palleiro.

A orixe da raza remóntase ós cans pastores que empregaban as tribos das rexións do centro de Europa, os antergos comúns doutras razas de cans como o pastor alemán, o pastor belga e outros cans pastores europeos. É un can do tronco indoeuropeo, o seu agrotipo foi o principal antepasado dos cans de pastoreo do centro de Europa, acompañando os pobos precélticos atlánticos, centroeuropeos e nórdicos[10] que poboaron a vertente atlántica do noroeste da Península Ibérica.[11]

A súa área de distribución tradicional abrangue gran parte do agro galego, con animais identificados por terras de Lalín, Dozón, Rodeiro e Agolada (Pontevedra), nos concellos ourensáns de Allariz, Celanova, Xinzo de Limia, A Merca, O Irixo, en terras dos Ancares e interior da provincia de Lugo, así como por distintas zonas da provincia da Coruña.[1]

Recuperación

[editar | editar a fonte]

O cruzamento con outras razas de cans traídas doutras partes de Europa durante as décadas de 1960 e 1970[12] (sobre todo pastor alemán e belga) case provoca a súa desaparición.[13] A recuperación da raza comeza no ano 1999, ano no cal a Xunta de Galicia empeza a verificar a existencia deste can.[13] Mediante a identificación dos exemplares no rural galego, comprobouse a existencia do mesmo tipo de can en diferentes lugares de Galicia, de distintas capas e con distintos nomes. No ano 2001, publicouse o estándar oficial da raza,[14] e foi recoñecida oficialmente polo Ministerio de Agricultura como raza autóctona de Galicia por medio da publicación en BOE do Real Decreto 558/2001, o 25 de maio de 2001.[15][16][17] O estándar racial deste can baséase en nove exemplares orixinais con trazos ben definidos que subsistiron sen cruzarse con ningunha outra raza.[13] No ano 2002, creouse o Club Can de Palleiro, que é a principal iniciativa de promoción, protección e difusión da raza, baixo a supervisión da Xunta de Galicia.[13]

Descrición

[editar | editar a fonte]
Can de palleiro adulto.

Aparencia xeral

[editar | editar a fonte]

É un animal de tipo lupoide e tamaño medio, cunha alzada até a cernella de 59–65 cm nos machos e 57–63 cm nas femias.[10] O seu peso rolda os 30–38 kg nos machos e os 25–33 kg nas femias.[10] Ten unha constitución forte, con ósos anchos, mais as femias adoitan ter un aspecto máis lixeiro e de proporcións máis lonxilíneas.

Ten o pelo mesto e tupido, máis durante o inverno. A pel é grosa, sen flaccidez, adherida ó corpo e á testa. O seu manto é normalmente uniforme, con gran variedade de tons, presentando cores areas, canelas, castañas, leonadas e mesmo negras. En ocasións poden presentarse exemplares coa capa binaria alobada (pelos de cor amarela e nas puntas, negra), con mestura de pelos amarelos e escuros, amarelando no pescozo, gorxa, peito e extremidades.[10]

Temperamento e comportamento

[editar | editar a fonte]

Destaca pola súa intelixencia e pola súa grande estabilidade psíquica, propia dun can pastor. Ten un temperamento forte, e pode desenvolver unha personalidade de sobreprotección pola súa familia e territorio. Ten un carácter doce e tranquilo e amosa unha gran fidelidade cara ó seu amo.[10]

[editar | editar a fonte]

Ditos populares

[editar | editar a fonte]
  • "Non quedou can tras palleiro, todo canto e gato hai"[18]
  • "[Can de palleiro] só lle falta falar"[19]
  • "Can de palleiro non quere compañeiro"
  • "Can merendeiro garda mal o palleiro"[20]

Literatura

[editar | editar a fonte]

O can de palleiro é mencionado por Rosalía de Castro nun anaco do seu poema "Vanidade" de Follas Novas, onde a autora fai unha defensa da infancia empobrecida da que ela foi testemuña en Compostela e no resto de Galicia. O can de palleiro funciona como metáfora e unha crítica aberta á pobreza e o analfabetismo.[21]

Coma can sen palleiro nin dôno,

que todos desprezan,
n' un corruncho s' esconde tembrando

d' a dura escaleira.

—"Vanidade", Follas Novas, Rosalía de Castro

O can de palleiro tamén está presente na literatura galega, como no libro Unha espía no reino de Galicia de Manuel Rivas (2004), no cal dedica un capítulo a este animal, chamado "O país do glorioso can de palleiro".[22]

Vive máis ben á marxe do mundanal barullo e observa a distancia, moi divertido, a feira das vaidades. Ten a memoria dun cabalo, a sabedoría dun raposo, a serenidade da vaca, e a filosofía do seu mellor amigo, a do galego fetén. De todos aprende o can de palleiro, non por ambición senón por curiosidade e por afondar no sentido e sen sentido da caíña vida...
Manuel Rivas

Un dos temas máis coñecidos do cantautor Bibiano ten por título "Can de palleiro", e é unha composición chanceira e crítica coa ditadura que foi quen de pasar a censura franquista.[23]

Campañas de comunicación

[editar | editar a fonte]

No ano 2015, o can de palleiro foi o protagonista da campaña de publicidade dos Supermercados Gadis "Presumamos como galegos", que tivo unha gran repercusión social e espertou o interese pola raza en toda Galicia e tamén no estranxeiro.[24][25] Isto supuxo un aumento significativo na demanda destes cans a partir dese ano.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 1,2 Cela, Dolores (8 de maio de 2016). "Un año de espera para conseguir un can de palleiro de pura raza y con pedigrí". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 28 de novembro de 2018. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para can de palleiro.
  3. 3,0 3,1 "Can de palleiro na Consellería de Medio Rural". Consellería do Medio Rural. Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 28 de novembro de 2018. 
  4. Rolland, Eduardo. "Un vídeo para presumir do can de palleiro". GCiencia. Consultado o 28 de novembro de 2018. 
  5. Redacción (26 de febreiro de 2016). "Fusco, Marrón e Venus, tres cans terapeutas para o autismo". GCiencia. Consultado o 28 de novembro de 2018. 
  6. Sampedro, Domingos (4 de agosto de 2017). "Galicia llama a filas a su can de palleiro". La Voz de Galicia. Consultado o 28 de novembro de 2018. 
  7. CRTVG, ed. (11 de xuño de 2017). "O can de palleiro recupera o seu espazo como pastor e can de compañía". Arquivado dende o orixinal o 29 de novembro de 2018. Consultado o 28 de novembro de 2017. 
  8. "O can de palleiro pasa de 9 a 1.275 inscritos pero aínda segue en perigo de extinción". Praza Pública. 8 de xaneiro de 2018. Consultado o 10 de xaneiro de 2018. 
  9. Cid Rivas, Eva (13 de decembro de 2023). "O Can de Palleiro gaña terreo na Galiza: a poboación aumenta 67% en catro anos". Nós Diario. Consultado o 27 de decembro de 2023. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 Consellería do Medio Rural (ed.). "Ficha técnica do can de palleiro" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 25 de decembro de 2014. Consultado o 28 de novembro de 2018. 
  11. Consellería de Medio Rural (ed.). "Can de palleiro en "Medio Rural"". Arquivado dende o orixinal o 14 de outubro de 2016. Consultado o 30 de novembro de 2018. 
  12. Terceiro, Cristina (18 de maio de 2014). "El ‘can de palleiro', una raza segunda en todo". La Región (en castelán). Consultado o 28 de novembro de 2018. 
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 Redacción (31 de agosto de 2018). "“La principal virtud del can de palleiro es su carácter dócil que hace que sea el perro ideal para las familias”". Diario de Ferrol (en castelán). Consultado o 28 de novembro de 2018. 
  14. Diario Oficial de Galicia, ed. (11 de maio de 2001). "O can de palleiro no Diario Oficial de Galicia" (PDF) (91): 6325–6329. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de marzo de 2016. Consultado o 30 de novembro de 2018. 
  15. Real Decreto 558/2001
  16. "Comunicado FCE". Arquivado dende o orixinal o 30 de novembro de 2018. Consultado o 30 de novembro de 2018. 
  17. Directiva 91/174/CEE do Consello, de 25 de marzo de 1991
  18. Harguindey, Henrique (3 de agosto de 2018). "De cans, por Henrique Harguindey". Sermos Galiza. Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2018. Consultado o 28 de novembro de 2018. 
  19. Loureiro Rodríguez, Carlos (22 de outubro de 2014). "O Can de Palleiro, ao que “só lle falta falar”". Noticieiro Galego. Arquivado dende o orixinal o 30 de novembro de 2018. Consultado o 28 de novembro de 2018. 
  20. "Ditos sobre o can de palleiro". Uvigo.es. Consultado o 29 de novembro de 2019. 
  21. García, Xosé Lois (19 de febreiro de 2015). "A Galiza universal de Rosalía de Castro". Sermos Galiza. Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2018. Consultado o 30 de novembro de 2018. 
  22. Rios-galegos.com (ed.). "Manuel Rivas e o can de palleiro". 
  23. Redacción (28 de decembro de 2018). "Falece Bibiano, o verso máis libre dos Voces Ceibes". Sermos Galiza. Arquivado dende o orixinal o 30 de novembro de 2018. Consultado o 30 de novembro de 2018. 
  24. YouTube (ed.). "#PresumamosComoGalegos en YouTube". Consultado o 30 de novembro de 2018. 
  25. Pazo, Laura (10 de novembro de 2018). "La conquista del 'can de palleiro'". La Opinión (A Coruña). Consultado o 30 de novembro de 2019. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]