Canas ao vento

Canas ao vento
Título orixinalCanne al vento, Schilfrohr im Winde, Schilf im Wind e Schweres Blut
Autor/aGrazia Deledda
OrixeItalia
Lingualingua italiana
Xénero(s)novela psicolóxica
Data de pub.1913
Primeira edición galega
TraduciónMaría Alonso Seisdedos
EditorialIrmás Cartoné
Data de pub.2023
Páxinas272
editar datos en Wikidata ]

Canas ao vento (italiano: Canne al vento) é unha novela de Grazia Deledda. Foi publicada por primeira vez entre o 12 de xaneiro e o 27 de abril de 1913 na revista L'Illustrazione Italiana; uns meses máis tarde, saíu do prelo a obra completa, na editorial Treves de Milán. Trátase do libro máis coñecido da escritora sarda, gañadora do premio Nobel de Literatura en 1926.

Foi editada en galego por Irmás Cartoné, cunha tradución de María Alonso Seisdedos.

O título da obra alude ao tema da fraxilidade humana e a dor da existencia. Neste sentido oriéntanse as reflexións e a fantasía do seu protagonista, unha persoa primitiva e simple, moi semellante ao "pastor errante de Asia" leopardiano ou a un dos "humildes" de Manzoni. A similitude das canas e a vida do home procede doutro texto de Deledda, Elias Portolu (1903):

Uomini siamo, Elias, uomini fragili come canne, pensaci bene. Al di sopra di noi c'è una forza che non possiamo vincere.

Somos homes, Elías, homes fráxiles como canas, pénsao ben. Hai sobre nós unha forza que non podemos vencer.[1]

Esta metáfora aparece xa na literatura anterior, especialmente nunha pasaxe do francés Blaise Pascal:

O home non é máis ca unha cana, a máis fráxil de toda a natureza; mais é unha cana pensante.
Blaise Pascal, Pensées (1670)

Nunha vila de Sardeña chamada Galtelli, non lonxe da desembocadura do río Cedrino (na costa do mar Tirreno), vive unha familia nobre, os Pintor (unha parella e as súas catro fillas). O pai, don Zame, é descrito coma un home violento coma o mesmo demo, orgulloso e arrogante, moi preocupado pola honra familiar na localidade. A súa muller e as súas fillas, dedicadas ao traballo no fogar, non poden saír nunca da casa. Lia, a única filla en quebrantar esta norma, fuxe cara a península itálica, chegando a Civitavecchia. Alí, casa e ten un fillo, mais acaba finando. Desfeito polo escándalo, o pai tolea e aparece morto na entrada da vila. A dúbida sobre se se trata dunha traxedia ou un asasinato constitúe o fondo da historia, que comeza coa chegada do fillo de Lia, Giacinto, á casa dos Pintor.

A novela reflexiona sobre temas como a pobreza, a honra ou a superstición. A Sardeña de comezos do século XX é descrita como unha sociedade aparentemente estática, suxeita a tradicións milenarias, mais que tamén avanza cara ao progreso tecnolóxico e industrial. A diferenza doutros escritores da súa época, Deledda presta atención ao aspecto cultural do progreso, capturando o sentido profundo e perturbador dos cambios.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • De Giovanni, Neria (1993). Come leggere Canne al vento di Grazia Deledda (en italiano). Mursia.