Candil de carburo

Lámpada de carburo.

Un candil de carburo, tamén coñecido como lámpada de gas acetileno, ou lámpada de carburo é un dispositivo de iluminación a gas. O aparello permite obter unha chama moi luminosa producida coa ignición do gas acetileno (C2H2) que é xerado pola reacción química exotérmica entre o carburo de calcio (CaC2) e a auga. A lámpada consta de dous compartimentos que son cargados cos reactivos (auga no superior e carburo de calcio no inferior). Un elemento de regulación (xeralmente unha billa) permite achegar con control pequenas cantidades de auga ao carburo, producíndose o gas acetileno que se queima nunha boquilla que pode estar provista dun reflector parabólico.

Os modelos tradicionais levan a boquilla, con ou sen reflector, unida ao propio aparello.

O primeiro foi desenvolto en Nova York en 1900 por Frederick Baldwin.[1]

Primeiramente foi empregado na minería e o seu uso difundiuse tamén a outras actividades como a espeleoloxía, a pesca ou o sendeirismo. Con menos dun quilo de auga e carburo de calcio pode obterse iluminación para máis de vinte e catro horas.

Aplicación na espeleoloxía

[editar | editar a fonte]
Candil de carburo, exposto no Castelo de Sobroso.
Lámpada de carburo empregada nunha mina.

O uso estendido destes aparellos como iluminación principal na espeleoloxía das últimas décadas posibilitou diversas evolucións e melloras tanto no sistema de regulación do achegue de auga (modelos atmosféricos, de autopresión ou de inxección por bomba de caucho) como na súa construción (aceiro, aceiro inoxidable, aluminio, polietileno...) e seguridade (válvulas e circuítos de seguridade contra excesos de presión).

Estes modelos, de calidade moi superior aos tradicionais, queiman o acetileno nunha boquilla instalada xunto a un reflector no casco, onde se consegue a ignición do gas cun acendedor piezoeléctrico. Dita boquilla, de cerámica, está conectada co carbureiro (que o espeleólogo leva colgando na cintura) mediante unha mangueira. Deste xeito, o espeleólogo só ten que manipular o sistema para o aceso ou para regulalo, tendo as mans libres o resto do tempo.

O seu uso reportaba unha serie de vantaxes ata non fai moito:

  • Proporciona unha iluminación uniforme, cálida e agradable en torno ao explorador.
  • Ten grande autonomía cun baixo custo, en contra das lámpadas eléctricas convencionais (incandescentes e halóxenas).
  • É unha fonte de calor, ao ser a reacción auga-carburo exotérmica, podendo chegar a empregarse como axuda para combater a hipotermia.
  • É un dispositivo robusto e simple, que resiste ben a dureza da exploración subterránea e normalmente permite unha rápida reparación con ferramentas básicas.

Entre os seus inconvenientes atópase o residuo que se xera tras a reacción química, que é basicamente cal con impurezas. O residuo debe retirarse do compartimento do carburo cada certo tempo, e recargarse por combustible novo. Frecuentemente é necesario limpar o carbureiro mentres se está na cova, o que require coidado para non ensuciar a contorna, así como a necesidade de transportar o refugallo ao exterior para non contaminar o medio ambiente cavernícola.

Á súa vez, a mala combustión pode producir tisne ao redor da chama, podendo manchar as paredes ou o teito da cavidade en pasos estreitos, se non se fai unha progresión coidadosa. Igualmente, require dunha segunda iluminación de apoio eléctrica que sexa máis ou menos estanca, que non se apague en zonas de forte goteo onde a chama de acetileno o faría.

A rápida evolución das iluminacións eléctricas de LEDs, cun notable aumento da autonomía e a calidade da luz, está reducindo o uso das lámpadas de carburo como iluminación principal en espeleoloxía.

  1. "Patente USA 656874". Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2020. Consultado o 20 de maio de 2011. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]