Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Os caneiros, pesqueiras ou pescos son unha especie de dique ou presa construída en diagonal no curso dun río, dende onde se pesca ou coa que se desvía a auga para poder pescar.
É unha construción tradicional ligada á hidráulica, ás veces complexa, aproveitando un lugar natural, xeralmente un vao ou un rochedo, de xeito que o conxunto se habilita para a pesca principalmente de lamprea, pero tamén de salmón, zamborca e outras especias piscícolas.
Das pesqueiras fálase xa en documentos do século XII aínda que, probablemente, moitas delas se remontan á época romana. Manuel Caamaño Suárez foi dos primeiros que estudou, entre outras construción tradicionais, os caneiros en Galicia.
Existen en toda a xeografía galega, especialmente no río Miño con cadansúa variante; por exemplo os pescos do Ulla en Herbón son un pouco distintos dos do Miño. En 1908 había en só 25 quilómetros do baixo Miño unhas 700 pesqueiras. A pesca nos caneiros e pesqueiras adoitábase facer en grupo.
A pesqueira consiste nun muro ou varios muros (poios) de cachotaría de granito ou xisto colocados paralelos ou oblicuamente ao curso do río que facilitarán o camiño a seguir polos peixes derivando a auga cara a unhas quellas ou portillos estreitos no que se axusta unha rede cónica chamada viturón, nasoura ou vutrón. Os construtores foron grandes canteiros, xa que non é doado a construción de estruturas en grandes correntes de auga, xa que o muro debe aturar a forza horizontal da auga para impedir que envorque.
Os caneiros son unha variante zonal da zona de Lugo das pesqueiras ou pescos. Constan de guiares, uns muros baixos que conducen a auga para que pase polas bocas e pías, plataformas que axudan aos guiares e dende os que se arman e desarman as redes. Tamén contan normalmente cuns casetos, nos que se deposita a pesca e se refuxian os pescadores. Nas bocas pendurábanse as agullas, pezas de madeira de salgueiro de forma arredondada nas que se apoiaban os gallos do forcado durante a pesca.
A importancia destas construcións noutrora reflíctese nos nomes galegos: