A capacidade cranial é a medida do volume interior do cranio dos vertebrados, é dicir, dos animais que posúen tanto cranio coma cerebro. A unidade de medida máis usada é o centímetro cúbico (cm3).
O volume do cranio úsase como un indicador aproximado do tamaño do cerebro, e este, á súa vez, úsase como un indicador para estimar a intelixencia potencial dun organismo. Así, nos vertebrados, o aumento desta capacidade, observado ao longo da evolución, está en relación co aumento da intelixencia e a complexidade psicocomportamental. O aumento desta capacidade atinxe o seu máximo no ser humano e prodúcese grazas a un aumento masivo do córtex cerebral que, facendo fronte a un volume non expansíbel da caixa cranial, engurrou, formándose sucos profundos chamados circunvolucións. A superficie do córtex chega a alcanzar máis de 0,22 m², e parece que hai unha relación entre o grao de engurramento e a intelixencia.[1]
Porén, as capacidades craniais máis grandes non son sempre indicativas de que un ser vivo sexa máis intelixente, debido a que tamén se require un volume maior para controlar un corpo máis grande ou, nalgúns casos, é unha característica adaptativa para a vida nun medio máis frío.
Notas:
1. Os volumes indicados son orientativos, existindo variación para cada un dos fósiles individuais
2. MA = millóns de anos.
Especie | Tamaño (cm3) |
Número de espécimes |
Idade (MA) |
---|---|---|---|
Australopithecus afarensis | 438 | 4 | 3,6–2,9 |
Australopithecus africanus | 452 | 7 | 3,0–2,4 |
Paranthropus boisei | 521 | 1 | 2,3–1,4 |
Paranthropus robustus | 530 | 1 | 1,9–1,4 |
Homo habilis | 612 | 6 | 1,9–1,6 |
Homo rudolfensis | 700 | 1 | 2.4–1.6[2] |
Homo ergaster | 871 | 3 | 1,9–1,7 |