Os capilares linfáticos (TA: vas lymphocapillare) son diminutos microvasos de paredes delgadas localizados nos espazos entre as células (excepto no sistema nervioso central e tecidos non vasculares) que serve para drenar e procesar o líquido extracelular, que forma parte do sistema linfático. O fluído recollido, despois de entrar no lume dun capilar linfático, denomínase linfa. Cada capilar linfático transporta a linfa a un vaso linfático de maior calibre, que á súa vez comunica cun ganglio linfático, unha pequena glándula con forma de faba que filtra e controla o líquido linfático por se ten algunha infección.[1] A linfa pasa a outros vasos linfáticos maiores e finalmente retorna á circulación venosa.
Os capilares linfáticos son lixeiramente máis grandes en diámetro que os capilares sanguíneos, e teñen extremos cegos (a diferenza da estrutura en bucle que presentan os capilares sanguíneos). Teñen unha fina parede revestida por un endotelio extaordinarianmente fino e xeralmente a lámina basal non é continua. Na pel e mucosas adoita haber un plexo de capilares linfáticos tubulares. Nas vilosidades intestinais hai xeralmente un vaso linfático único chamado quilífero. Nas trompas de Falopio forman sinusoides. Nos testículos humanos son tubulares, pero nalgúns roedores son sinusoides.[2]
Os capilares linfáticos están situados estratexicamente entre os capilares sanguíneos para así poder facer unha captación eficiente do líquido intersticial durante o intercambio entre os capilares e os tecidos.[3] A súa estrutura única permite que o fluído intersticial flúa cara ao seu interior pero non poida saír. Os bordos das células endoteliais da parede do capilar linfático solápanse. Cando a presión é maior no fluído intersticial que na linfa, as células sepáranse lixeiramente, como a apertura dunha porta nun só sentido, e o fluído intersticial entra no capilar linfático. Cando a presión é maior dentro do capilar linfático, as células adhírense máis estreitamente, e a linfa non pode escapar e regresar de novo ao fluído intersticial. Unidos aos capilares linfáticos hai filamentos de ancoraxe, que conteñen fibras elásticas. Estes esténdense desde os capilares linfáticos, unido as células endoteliais cos tecidos que os rodean. Cando se acumula un exceso de fluído intersticial e causa o inchamento do tecido, isto empuxa os filamentos de ancoraxe, facendo que as aberturas entre as células endoteliais se fagan máis grandes para que entre máis fluído nos capilares linfáticos.[4]
Os capilares linfáticos teñen unha maior presión oncótica interna que os capilares sanguíneos, debido á maior concentración de proteínas do plasma.
No intestino delgado os capilares linfáticos chámase vasos quilíferos e son esenciais para o transporte dos lípidos da dieta e vitaminas liposolubles desde o intestino ao torrente sanguíneo despois da dixestión dos alimentos. No intestino delgado os triglicéridos dixírense e forman ácidos graxos e monoglicéridos, que entran nos enterocitos, onde se reconstitúen os triglicéridos, que se combinan con outras proteínas e lípidos formando quilomicróns, os cales pasan aos vasos quilíferos. Hai un vaso quilífero en cada vilosidade intestinal. O líquido que entrou nos vasos quilíferos denomínase quilo e viaxa despois polo sistema linfático e finalmente entra no conduto torácico que desemboca no torrente sanguíneo na zona da vea subclavia.[5]