Carabus galicianus

Carabus galicianus

Espécime capturado á beira do río Navia,
en Navia de Suarna, o 23 de xullo de 2013
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Coleoptera
Suborde: Adephaga
Familia: Carabidae
Xénero: Carabus
Subxénero: Ctenocarabus
Especie: C. galicianus
Nome binomial
Carabus galicianus
Gory, 1839
Sinonimia
Véxase o texto

Carabus galicianus é unha especie de insecto coleóptero da familia dos carábidos, endémico do noroeste da Península Ibérica (Galicia e o norte de Portugal).[1]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A erspecie foi descrita en 1839 polo entomólogo francés Hippolyte Louis Gory.[2]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Para a do xénero, véxase Carabus

O epíteto específico, galicianus, refírese a que foi descrito a partir dun espécime capturado en Galicia.

Sinónimos

[editar | editar a fonte]

Ademais de polo protónimo cuñado por Gory, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[2]

  • Carabus beirensis Born, 1924
  • Carabus gallaecianus Chevrolat, 1840
  • Ctenocarabus galicianus (Gory, 1839)
  • Megodontus galicianus (Gory, 1839)

Características

[editar | editar a fonte]

Dentro das especies do grupo Carabus presentes en Galicia é unha das máis sobranceiras. O corpo é completamente mouro a excepción dos seus fémures que son bermellos. Os élitros están percorridos por costelas lonxitudinais, sendo moi semellante, salvo a coración, a Carabus melancholicus. Semella presentar un dimorfismo sexual respecto ao tamaño, cunha media de 25,0 mm nas femias e 22,5 mm nos machos, aínda que a mostra empregada, moi cativa (n=12), puidera falsear os datos.[3]

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

Trátase dun coleóptero endémico do noroeste da Península Ibérica. A súa distribución coñecida limita polo sur en Coímbra (Portugal) e polo leste na parroquia de Arbón (Villaión, Asturias), na conca do río Navia. Está asociado a cursos de augas limpas. Os seus requirimentos biolóxicos baséanse en augas ben oxixenadas con praias de area, estas últimas para o desenvolvemento larvario.[3]

É unha especie estenotópica (que ten un rango estreito de adaptabilidade aos cambios nas condicións ambientais) e moi higrófila (que precisa un ambiente húmido para o seu desenvolvemento.[4]

Bioloxía

[editar | editar a fonte]
Hábitat típico de Carabus galicianus

A súa bioloxía está detalladamentre descrira no traballo de Andrade (1980). A especie encóntrase sempre ligada a aungas límpidas, de corrente rápida, que discorran sobre leitos pedregosos, con bordos con boa cobertura arbórea que cree condicións de forte umbría. Ademais, debe haber zonas no curso do río semisecas, a modo de praias, para que o insecto poida deenvolver a súa actividade. En xeral, encóntrase dentro do leito fluvial, baixo pedras parcialmente mergulladas, xa que é parcialmente subacuática.[4]

Polo día atópase agochado nas pedras das beiras dos ríos, mantendo a súa actividade pola noite.[5] A alimentación consiste en lesmas e miñocas. Andrade, principal coñecedor desta especie, calcula que presenta tres ou catro xeracións por ano.[5] Este número de xeracións débese a unha temperá actividade desde principios de marzo, prologándose até outubro, mes no que entrarían en hibernación, tanto como adultos como en fase larvaria.

Porén, segundo Andrade, nun hábitat de clima benigno a especie non chaga a hibernar, ou ten unha diapausa moi curta. Para hibernar elixe, en xeral, noiros máis ou menos próximos ao curso da auga.[6]

As datas extremas nas que se encontrou en actividade van dende o 7 de febreiro até o 12 de setembro.[3] A altitude non semella ser un obstáculo, pois existen citas desde altitudes menores aos 100 m até Pena Trevinca,[5] a máis de 1 000 m,[4]. No interior da provincia de Pontevedra tense atopado a 750 m.[3]

Cómpre sinalar que as larvas desta especie foron identificadas e estudadas por Andrade, que recolleu convivindo con adultos, nas provincias da Coruña e de Pontevedra, chegando coa su descrición a corroborar a súa priximidade coa subespecie Carabus (Rhabdotocarabus) melancholicus costatus Germar, 1824.[4][5]

Andrade sinala que é unha especie moi sensíbel á contaminación da auga e á deforestación das marxes, debido a que é moi umbrófila. Por iso é unha excelente indicadora do grao de contaminación das augas.[4][5]

A contaminación dos ríos, por tanto, implica a súa desaparición, sendo substituído por Carabus melancholicus. O coleccionismo indiscriminado podería provocar algunha extinción local, aínda que a súa capacidade reprodutiva puidera solventar esta cuestión de non coincidir con outros factores. O descoñecemento da súa capacidade de desprazamento e potenciais inimigos naturais, unido á crecente degradación biolóxica dos ríos e as minicentrais, permítelle considerar á SGHN a esta especie como vulnerábel.[3]

  1. "Carabus (Ctenocarabus) galicianus Gory, 1839". 2.6.2. Fauna Europaea. 29 de agosto de 2013. Arquivado dende o orixinal o 01 de novembro de 2013. Consultado o 18 de abril de 2021. 
  2. 2,0 2,1 Carabus galicianus Gory, 1839 no GBIF. Consultado o 18 de abril de 2021.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Carabus (Ctenocarabus) galicianus Gory, 1839 na web da Sociedade Galega de Historia Natural.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Campos Gómez & Iovoa Docet 2006, p. 63.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Andrade 1980.
  6. Campos Gómez & Iovoa Docet 2006, p. 64.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]