Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde maio de 2017.) |
Unha casa museo é un museo adicado á vida e obra dunha personalidade, situado na casa onde naceu, morreu ou pasou parte da súa vida.
As casas museo teñen o interese de amosar as obras e obxectos utilizados por unha persoa no contorno en que se desenvolveu a súa existencia. Adoitan conservar parte do mobiliario e obxectos decorativos da época do personaxe, que recrean as condicións de vida e os costumes do momento. Amais, expóñense obxectos persoais como correspondencia, pezas de vestir, debuxos ou a biblioteca persoal, así como obxectos reunidos pola persoa como parte da súa colección privada.
A creación dunha casa museo pode deberse ben á doazón do edificio por parte dos seus descendentes, ou ben pola compra por parte dunha institución pública para convertela en espazo de exposición, recordo e homenaxe. En ocasións lévanse a cabo obras de remodelación para transformar a vivenda en museo, con reconstrucións para recrear o aspecto que tivo nunha época determinada.