Castro de Elviña | |
---|---|
Parroquia | Elviña |
Concello | A Coruña |
Provincia | A Coruña |
Comunidade autónoma | Galicia |
Id. catálogo | GA15030003 |
Cronoloxía | |
Datas de ocupación | Século III a. C. a Século II |
Data da descuberta | 1947 |
Períodos de escavación | 1947 a 1953 1979 a 1985 2002 á actualidade |
Estado actual | En escavación |
Extensión estimada | Máis de 4 ha. |
Véxase tamén | |
Castros de Galicia |
O castro de Elviña é un castro galaico, posteriormente romanizado pertencente á coñecida como Cultura castrexa do noroeste peninsular. Está situado na parroquia de San Vicenzo de Elviña, próximo ao actual Campus de Elviña da Universidade da Coruña, nunha pequena elevación que domina as terras dos vales de Elviña e Mesoiro, no concello da Coruña.
O castro está formado por varios recintos con socalcos, separados por murallas. Entre elas, destaca a muralla da croa (o recinto máis elevado e central) cunha entrada monumental flanqueada por dous torreóns defensivos semicirculares entre os que se abre unha rampla e escaleiras de acceso empedradas.[1] Nalgúns dos seus tramos, a muralla conservada ten unha anchura e altura superior aos catro metros. Na zona de socalcos, situada no sueste, pódense observar diferentes construcións, algunhas delas singulares no conxunto da cultura castrexa, como a fonte-alxibe rectangular e o templo do ídolo fálico; tamén se conservan diferentes casas, principalmente de formas cadradas, e a complexa "casa da Exedra" que daría abeiro a familias acomodadas. Ademais, no castro atopouse o famoso tesouro de Elviña (conservado no Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de Santo Antón).[1]
Os resultados das escavacións permiten deducir a existencia de varias fases de ocupación:
As construcións máis notorias son:
As primeiras escavacións datan de finais dos anos 1940. O Concello da Coruña subvencionou as escavacións con 10.000 pesetas[3]. Podéndose establecer distintas etapas no seu estudo:
É de salientar que o actual director das escavacións e os seus predecesores, exerce e exerceron o mesmo cargo no Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de Santo Antón.
O castro de Elviña foi declarado Monumento Histórico Artístico en 1962, o que non impediu que Fenosa instalase unha torreta de tendido eléctrico no medio da croa, que foi tirada o 12 de marzo de 2015.[4]
Estanse a facer novas escavacións e traballos de consolidación incluídos no Proxecto Artabria, do concello da Coruña e apoiado pola Xunta de Galicia. Dito proxecto ten como finalidade a creación dun parque arqueolóxico dunhas 65 hectáreas dedicado non só á interpretación do sitio, senón tamén á súa contorna rural pouco alterada pola proximidade da cidade.
Como primeiro paso procedeuse á expropiación dunha superficie de 13 hectáreas centrada na croa. Ao proceder á limpeza da vexetación observáronse irregularidades no terreo que con anterioridade non foran advertidas. Nelas leváronse a cabo sondaxes que confirmaron que baixo delas ocultábanse novas murallas castrexas que ampliaban notablemente a superficie coñecida do castro, por riba das catro hectáreas[5]. Advertíronse tamén novos restos de construcións na ladeira norte da acrópole, indicando que o poboado tiña unha continuidade aínda por delimitar fóra da muralla. Estes novos descubrimentos fano ser considerado un dos castros máis grandes do norte de Galicia.[1]
Atopouse tamén unha nova entrada á croa polo suroeste nun punto no que a muralla ten catro metros e medio de grosor e uns tres de altura conservados, con restos de torres e camiño empedrado, así como unha construción de grandes dimensións no socalco exterior ao muro. Nesa zona, no interior da croa escaváronse algunhas pequenas casas ao redor dunha pequena rúa cun sistema de desaugadoiro datadas no séculos II a I antes de Cristo.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Castro de Elviña |