Catedral de Palencia

Catedral de Palencia
Datos xerais
PaísEspaña
TipoCatedral
AdvocaciónSanto Antolín
LocalizaciónPalencia
Coordenadas42°00′40″N 4°32′13″O / 42.01111111, -4.53694444
CatalogaciónMonumento nacional
Culto
CultoIgrexa Católica
DioceseDiocese católica latina de Palencia
Arquitectura
ConstruciónSéculo XIV-século XVI
EstiloArquitectura gótica
Páxina webhttp://catedraldepalencia.org/
editar datos en Wikidata ]

A Santa Igrexa Catedral Basílica de santo Antolín, sede da diocese de Palencia, atópase na cidade de Palencia, Castela e León, España.

É un edificio de grandes proporcións: 130 metros de altitude, 50 metros de anchura no cruceiro, máis outros tantos no claustro e na sala capitular; a ábsida roza os 43 metros de altitude. Está adicada a santo Antolín mártir, patrón de Palencia, parte de cuxas reliquias alberga.

Trátase dun templo de estilo predominantemente gótico, aínda que conserva elementos anteriores, de época visigoda e románica, e elementos decorativos renacentistas, barrocos e neoclásicos. A construción comezou no século XIV, sendo a única gran catedral castelá iniciada nesa centuria.

O exterior carece dunha fachada principal propiamente dita e preséntase austero e macizo, non reflicte o seu bo interior onde se poden ver máis de vinte capelas de grande interese artístico e histórico.

Aínda que a construción da catedral gótica durou dende o século XIV ata o século XVI, en realidade o que hoxe en día se observa tardou case catorce séculos en ser levantado, pois a parte máis antiga da Cripta de santo Antolín data do século VII e houbo importantes obras e reformas no século XX.

O elemento máis recoñecible no exterior é a torre, elevada e sobria, algo ruda tendo en conta a súa pertenza ao estilo gótico. Estudos recentes e escavacións demostran que foi torre de carácter militar no pasado e tras cumprir esa función se lle engadiron pináculos e espadana como única decoración. A planta da catedral é de cruz latina e ten a peculiaridade de contar cun cruceiro dobre, polo que tamén dispón de cinco portas, formando así unha planta en forma de cruz patriarcal; isto é debido a que á metade da construción decidiuse substituír o primitivo cruceiro por un segundo, máis monumental. Ambos os dous cruceiros só se marcan en alzado e non sobresaen en planta.

A Catedral é chamada popularmente A bela descoñecida. Foi o primeiro monumento do concello de Palencia en ser declarado Monumento Nacional, distinción que obtivo o 3 de novembro de 1929.[1]

Orixes do edificio

[editar | editar a fonte]
Cripta de santo Antolín.

No soar onde agora se acha a catedral houbo un templo de culto pagán. Ese templo debeu ser substituído máis tarde por outro paleocristián. De ningún dos dous quedan restos na localización do edificio actual.

O vestixio máis antigo é o fondo da cripta de santo Antolín, que é o resto dun edificio visigodo de metade do século VII, construído con e sobre restos romanos.[2]

Non se sabe con exactitude quen construíu esta parte. Suponse que talvez se ergueu en tempos do rei Vamba para gardar as reliquias do mártir santo Antolín, que este rei trouxo dende Narbona no 672, cando era bispo Ascario.

Tras a dominación musulmá, en tempos de Sancho III o Maior restaurouse a diocese palentina na súa antiga sede da cidade de Palencia. O rei encargou a súa organización ao bispo Ponce (ou Poncio) que gobernou dende 1035 a 1037. A diocese necesitaba unha sede, elixíndose a súa situación no mesmo lugar que ocupaban as ruínas visigóticas, que foron ampliadas e restauradas.

En 1035 e ante a presenza de Sancho o Maior, da corte e de varios bispos, consagrouse o novo edificio co que quedou configurada a cripta de santo Antolín tal e como pode verse na actualidade.

Anos despois desta restauración e probablemente en tempos do bispo Raimundo (1148-1184), edificouse un novo templo en estilo románico que foi consagrado en 1219, en tempos do bispo Tello Téllez de Meneses (1208-1247).

  1. http://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=1098539 Catedral de Palencia: Monumento Nacional.
  2. As escavacións realizadas nos últimos tempos en prazas e arredores da catedral puxeron de manifesto restos de construcións romanas que coinciden co nivel da cripta