Cementoblasto

Un cementoblasto é unha célula que se forma a partrir das células foliculares que se encontran arredor da raíz dos dentes e moas, situados revestindo a superficie da raíz entre os feixes do ligamento periodontal [1], e que teñen como misión a cementoxénese ou formación do cemento da raíz das pezas dentais (o tecido duro que cobre a raíz das pezas dentais e que as une co alvéolo dentario). Os cementoblastos depositan a matriz orgánica do cemento, que máis tarde será mineralizada con minerais procedentes dos fluídos orais. Depositan fibras de coláxeno e secretan osteocalcina e sialoproteína.

Os cementoblastos son grandes, arredondados, con citoplasma basófilo indicativo dun extenso retículo endoplasmático granular. Posúen todos os orgánulos asociados coa síntese proteica, como un grande retículo endoplasmático e aparato de Golgi.

Os cementoblastos expresan moitas das proteínas expresadas polos osteoblastos, pero tamén se informou de proteínas específicas dos cementoblastos, como a CAP e a CEMP1.[2][3] Explorouse a capacidade rexenerativa do cemento do tecido periodontal en casos de periodontite aplicando diversas substancias promotoras da proliferación dos cementoblastos [4]

Diferenciación

[editar | editar a fonte]

O mecanismo de diferenciación dos cementoblastos é controvertido [5] pero evidencias circunstanciais suxiren que un compoñente epitelial pode facer que as células do folículo dental se diferencien en cementoblastos, os cales se caracterizan por un incremento da súa lonxitude. O cemento que se comeza a formar nos 2/3 coronais da raíz é acelular, pero cando os cementoblastos quedan atrapados en espazos ("lagoas") rodeados da matriz que segregaron, o cemento chámase celular ou cemento secundario e está presente só no terzo apical da raíz.

Unha vez que o cementoblasto se encontra illado na matriz desta maneira, deixa de segregar matriz e convértese en cementocito. Como o cemento non ten vasos sanguíneos, os cementocitos dependen da difusión de nutrientes a través do ligamento periodontal, e, como consecuencia, a maioría dos prolongamentos citoplasmáticos desta célula están voltados para o ligamento.

  1. D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxina 612. ISBN 84-7605-361-4.
  2. Ivet Gil-Chavarría, Ma. De Lourdes Segura-Valdéz, Higinio Arzate, José Reyes-Gasga e Luis Felipe Jiménez-García. Distribución in situ de factores de maduración del ARN e la relación con su actividad transcripcional, en cementoblastos humanos. [1][Ligazón morta]
  3. Arzate H, Olson S., Page R., Gown A. and Narayan S. FASEB Journal 6 (1992) 2990-2995
  4. Nuñez, Javier; Sanz-Blasco, Sara Isabel; Villalobos Jorge, Carlos; Nuñez, Lucía. 17β-Estradiol Promotes Cementoblast Proliferation and Cementum Formation in Experimental Periodontitis. [2]
  5. D.D. Bosshardt. Are Cementoblasts a Subpopulation of Osteoblasts or a Unique Phenotype? [3]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]