A cenurose ou, comunmente, teo é unha enfermidade parasitaria do gando ovino, producida polo Coenurus cerebralis, fase larvaria de tenias propias do can: Taenia multiceps, T. serialis e T. brauni.
Trátase dunha enfermidade propia do gando ovino, preferentemente dos animais máis novos; enfermando rara vez as ovellas adultas. Ocasionalmente, cabras, vacas e outros ruminantes silvestres tamén poden sufrir a enfermidade.
A causa da enfermidade é a presenza da larva da tenia no encéfalo do animal. A larva ten forma dunha vesícula máis ou menos ovoide, chea dun líquido desde incoloro a amarelo pálido. Cando se localiza na canal medular, adopta unha forma tubular.
A tenia, Taenia multiceps, Leske 1780, (antes T. coenurus), é un cestodo da familia Taeniidae, cun ciclo biolóxico mixto: o hospedador definitivo é o can mentres que o hospedador intermediario é a ovella. A sintomatoloxía que produce é distinta nun caso ou noutro, ata o punto de que se consideraron enfermidades diferentes durante séculos, provocadas por parasitos diferentes.
A tenia adulta é un parasito intestinal do can, gato e outros carnívoros silvestres, coma o raposo, que se infestan ó comer as cabezas das ovellas enfermas que o pastoreo desbotaba, xunto coas outras vísceras, despois de sacrificalas para aproveitar a súa carne e que comía o seu can. Os ovos da tenia expúlsanse coas feces do can e quedan sobre a herba ou na auga, para ser inxeridos polas ovellas ó pastaren ou beber.
Unha vez inxeridos os ovos do parasito, eclosionan no intestino da ovella e libérase a larva I. Esta perfora a parede intestinal e, a través da corrente sanguínea, chega ós diferentes órganos. No caso de invadir o cranio, evoluciona e muda a larva II; excepcionalmente tamén pode aloxarse no canal raquídeo.
Segundo vai medrando a larva, que chega a ter o tamaño dun ovo de galiña ó cabo de 2-3 meses (ou dunha laranxa de tamaño medio nos becerros), vai presionando a masa encefálica, con atrofia do tecido cerebral inmediato á larva, e provoca un aumento da presión intracranial. Todo isto causa os síntomas nerviosos característicos da enfermidade.
Os primeiros síntomas aparecen coa chegada das larvas ó cranio, ós 10-14 días da infestación, pero son pouco significativos e adoitan pasar desapercibidos.
Os síntomas característicos aparecen ós 3-6 meses da infestación. Os animais enfermos afástanse do rabaño e avanzan torpemente, coa cabeza baixa, a rentes do chan, e torta. Ás veces pode vérselles apoiando a cabeza no chan ou contra as pedras ou paredes, como facendo forza. Deixan de comer e poden mostrar espasmos musculares, a modo de ataques epilépticos, caendo e tropezando con frecuencia. O andar irregular, a tombos, con rumbo variable, é común. Ás veces presentan marcha lateral, con caída cara a un lado.
Pronto aparecen movementos involuntarios sistematizados, entre os que destaca o andar en círculo: o animal enfermo non deixa de dar voltas e voltas sobre si mesmo, en círculos cada vez menores. Estes movementos diríxense sempre en sentido contrario ó hemiencéfalo lesionado.
En ocasións, o animal morre por encefalite, pero o normal é un curso crónico. O máis frecuente é que o pastor, ante a perda de comida e a deterioración do estado do animal, prefira sacrificalo. No faenado que realiza para aproveitar a carne, despreza a cabeza, que bota ós seus cans, pechándose así o ciclo.
A enfermidade non ten tratamento na práctica. Algún pastor intenta rebaixar a inflamación do cranio con compresas de auga fría na cabeza, que non serven para nada. A intervención cirúrxica, con trepanación e extirpación da vesícula parasitaria, é difícil, cara e adoita deixar secuelas, polo que nin se intenta.
As medidas preventivas contra a difusión da enfermidade consisten na destrución das cabezas dos animais enfermos, sen aproveitalas nunca para os cans, e na desparasitación dos cans dos pastores.
O gando ovino ten unha reducida presenza en Galicia, e o censo cada ano é menor. Só representa unha gandería relativamente significativa en Ourense.
Segundo os datos do MAPA (Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación), referidos a novembro de 2023 [1], dos 13 millóns e medio de ovinos censados en España, só posuímos en Galicia 149.779 cabezas, un escaso 1,09%. Por tal razón esta enfermidade non formaba parte da realidade diaria do labrego e deixou pouca pegada na cultura popular galega, pero aínda así está presente, como podemos ver.
Coñecemos os seguintes sinónimos do teo en Galicia: lolo, modorra, rebullón, tortón, tortullón, turtullón e verme canteiro. Dicionarios modernos recollen tamén cenurose, que é a denominación técnica.
O nome de verme canteiro que se lle dá nalgures á vesícula no cerebro aplícase con máis frecuencia ó vagalume. Aínda así, cabe sinalar que outro nome do vagalume que nos fai lembrar o noso teo é o de verme carpinteiro. Franco Grande recolle o dito "ter o verme carpinteiro" co significado de haber perdido un tornillo [1].
Crese que as ovellas contraen o teo por comer no mexacán, herba na que un can fora mexar antes.
Conta Sarmiento (Catálogo VF 1745-1755) que cara ao Seixo (Conxo, Santiago) saben que o teo non ten cura e, para librarse del e que non enfermen outras ovellas, cortan a cabeza da res enferma e vana botar fóra da parroquia. Noutras ocasións ceiban a ovella enferma nun monte lonxe da parroquia [2].
Aníbal Otero recolleu en Piquín (Lugo) estoutra práctica para librarse da enfermidade: córtanlle a cabeza á ovella enferma e bótana ó outro lado do río, sen mirar onde cae [3].
O comportamento das ovellas enfermas, ese o seu deambular e andar sen rumbo, trasladouse metaforicamente a expresións como: